Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta inxecta 186 millóns de euros en 19 programas de axudas empresariais, no maior paquete de apoios anticipados na historia do Igape

 

  • Covadonga Toca expuxo no Parlamento de Galicia as actuacións do primeiro trimestre e salientou que “nunca antes se puxera tanto, tan pronto e con tanto foco a disposicións das empresas galegas”
  • O novo modelo financeiro activado polo Igape combina préstamos directos, liñas avaladas e subvencións de xuros, con máis de 115 millóns de euros mobilizados en recursos públicos
  • Galicia reforza a competitividade empresarial con programas que suman máis de 46 millóns, entre os que destacan a liña para atraer novos investimentos produtivos (12 millóns de euros) e a de apoio a startups (1,5 millóns), orientada a empresas emerxentes
  • A directora do Igape enxalzou as liñas pioneiras en innovación estratéxica, cun importe superior aos 15 millóns, dos que 10,2 millóns corresponden ao novidoso IA360 para a introdución da intelixencia artificial nas pemes
  • Tamén subliñou os 12,5 millóns destinados á internacionalización a través de programas como o Galicia Exporta Empresas ou o Foexga, aos que se suma a rede de Antenas empresariais do Igape, que este ano abrirá nova oficina en Brasil
  • Toca Carús lembrou a contribución de Xesgalicia, que no 2025 inxectará 22 millóns en investimentos, e precisou que a Oficina Económica de Galicia atendeu no seu primeiro ano -desde abril de 2024- 21.000 consultas e asesorou máis de 200 proxectos estratéxicos

 

A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu no Parlamento de Galicia para dar conta das actuacións desenvolvidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) neste primeiro trimestre do ano. Así, e segundo salientou, por primeira vez na historia do organismo público, concentráronse no mes de xaneiro quince liñas de axuda distintas, ás que se sumaron despois outras catro específicas para apoiar a internacionalización, sumando en total 19 programas de apoio e máis de 186 millóns de euros mobilizados. “Nunca antes se puxera tanto, tan pronto e con tanto foco a disposición das empresas galegas”, sinalou.

A intervención, estruturada nos eixos de financiamento, competitividade, innovación e internacionalización, debuxou un amplo abano de apoios “con vocación de cobertura total, que entende que a mellor política económica é estar ao carón das empresas”, precisou Toca Carús.

Así, o novo modelo financeiro activado polo Igape combina préstamos directos, liñas avaladas e subvencións de xuros, mobilizando máis de 115 millóns de euros en recursos públicos. A liña de préstamos directos do Igape, dotada con 50 millóns, ofrece tipos de xuro moi vantaxosos e permite financiar proxectos estratéxicos de innovación, internacionalización, capital circulante ou concentración empresarial.

Pola súa parte, a liña de acceso a crédito aspira a formalizar máis de mil operacións e poñer en circulación 150 millóns de euros de crédito con bonificacións de ata 1,8 puntos. Ademais, activouse unha liña para grandes empresas da provincia da Coruña no marco do Fondo de Transición Xusta, outra de novacións de débeda e unha subvención para xuros dirixida a operacións financiadas con fondos europeos ou instrumentos públicos.

No ámbito da competitividade empresarial, o Igape puxo en marcha actuacións por valor de 46 M€. Entre elas destaca a liña de apoio á implantación de empresas en Galicia, con 12 M€, cunha subvención de ata o 35% do investimento en activos tanxibles e intanxibles, ou a liña para o impulso ao investimento en equipamento (10 M€).

Así mesmo, e para fomentar o emprendemento innovador, a directora destacou a reedición do programa de apoio ás startups galegas cun orzamento de 1,5 M€. Tamén se destinan 3 M€ á transformación dixital, e 700.000 € a obradoiros multidisciplinares; e os clústeres empresariais contan cunha liña específica que financia plans de cooperación, internacionalización, formación ou innovación compartida.

 

LIÑAS PIONEIRAS EN INNOVACIÓN ESTRATÉXICA

Sobre esta base, a directora subliñou que o Igape lanzou este ano un conxunto pioneiro de liñas para fomentar a innovación no tecido produtivo, que suman máis de 15 M€ neste primeiro trimestre. O programa IA360 (10,2 M€) está orientado á introdución da intelixencia artificial nas pemes, tanto a través do desenvolvemento tecnolóxico propio como da integración de ferramentas comerciais e accións formativas.

Ademáis, proseguiu Toca Carús, a liña Igape Innova busca apoiar proxectos de transformación dixital, deseño de produtos e eficiencia produtiva; e o programa Ticket Innova ofrece un acceso sinxelo e áxil á innovación para pemes que se inician. Estes tres programas, afondou a directora do Igape, intégranse na nova Área de Innovación Empresarial do Instituto, que ten como misión coordinar axentes, conectar recursos e tecer redes no ecosistema galego de I+D+i.

A estes eidos súmase, tamén, a aposta pola internacionalización, explicou no Parlamento. Un campo no que a Xunta destinou este ano 12,5 millóns de euros a apoiar a saída ao exterior das empresas galegas.

Así, expuxo, a través de Galicia Exporta Empresas (8,3 M€), as pemes poden acceder a fondos para accións en feiras internacionais, campañas de márketing exterior ou proxectos de dixitalización orientados á exportación; o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€) promove accións colectivas de promoción no exterior; e o FOEXGA (2,38 M€) facilita a participación conxunta en eventos a través das cámaras de comercio. As grandes empresas contan cunha liña específica dentro de FOEXGA (250.000 €) co obxectivo de exercer un efecto tractor sobre as pemes.

PRÓXIMA ANTENA DO IGAPE EN BRASIL

Ademais, a rede de Antenas empresariais do Igape da cobertura ao tecido empresarial en mercados estratéxicos como México, EE.UU., Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos, actuando como delegacións avanzadas do Igape que supoñen “o primeiro apoio co que contan as empresas galegas cando queren entrar nun novo país”.

En conxunto, explicou a directora, estas antenas cobren un mercado potencial de máis de 2.000 millóns de consumidores. Unha base sobre a que se está a traballar para por en marcha dúas novas oficinas, a primeira en Brasil, que mellorará a conexión co mercado latinoamericano; e outra en estudo nestes momentos.

A directora destacou tamén o papel de Xesgalicia, con saldos dispoñibles para investimentos por valor de 140 M€ e un impacto que vai alén do capital achegado: “Cada operación atrae máis do dobre de investimento privado”. Casos como Fandicosta, Marsan ou Sabor de Mar exemplifican o seu papel estabilizador, mentres que startups como Uarx Space ou Centum amosan o seu apoio a proxectos disruptivos.

Todo este amplo abano compleméntase, subliñou Covadonga Toca, coa Oficina Económica de Galicia, que se está a consolidar como punto de entrada para empresas: máis de 21.000 consultas atendidas, 950 reunións e 200 proxectos asesorados desde a súa creación en abril de 2024.

“Estamos a falar dunha iniciativa deseñada para facilitar a relación entre as empresas e a Administración, eliminando trabas burocráticas e ofrecendo un servizo integral de asesoramento e acompañamento. Queremos unha Administración que fale a súa linguaxe, que anticipe os seus desafíos e que as acompañe”, resumiu a directora.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia