Consellería de Economía e Industria
Lorenzana anuncia que as axudas do Igape para pemes e autónomos, por importe de 172,6 millóns, estarán dipoñibles xa desde xaneiro “por primeira vez na historia”
-
Na presentación dos novos programas do Instituto Galego de Promoción Económica, a conselleira de Economía e Industria precisou que haberá 15 liñas de apoios que sairán publicadas no DOG dos vindeiros 13 e 14 de xaneiro
-
As axudas xa se poderán solicitar desde este mesmo mes e beneficiarán a milleiros de empresas galegas e autónomos
-
Vanse estructurar en tres grupos: as de financiamento, que suman 110 millóns de euros; as de competitividade, por importe de 47,3 millóns; e as de innovación, que ascenden a 15,2 millóns
-
María Jesús Lorenzana destaca que o anticipo das convocatorias facilitará a pemes e autónomos que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer, xa no inicio do exercicio, os apoios públicos cos que poderán contar
-
Entre as liñas do Igape destacan os préstamos para incentivar a concentración empresarial, os de desenvolvemento tecnolóxico, a nova liña para a implantación da IA nas pemes, as axudas a startups e o programa de atracción de empresas
Na presentación dos novos programas de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que, “por primeira vez na historia”, a Xunta de Galicia convocará na primeira quincena de xaneiro a maior parte das axudas do propio Igape para pemes e autónomos, co obxectivo de facilitarlles que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer xa no inicio do exercicio os apoios públicos dos que van dispoñer.
Segundo indicou, son un total de 15 liñas de axuda que suman 172,6 M€, que sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días 13 e 14 de xaneiro, e que van ser fundamentalmente de carácter económico. Beneficiaranse delas milleiros de empresas galegas, que poderán solicitalas este mesmo mes. “Queremos dar unha maior marxe de planificación ás pemes e aos autónomos concentrando todas esas axudas en dous diarios consecutivos, o cal facilita a súa consulta e o seu coñecemento, e mesmo a localización da normativa reguladora de cada axuda”, explicou Lorenzana.
En concreto, as liñas que sairán publicadas proximamente divídense en tres bloques. Por un lado, as relativas a financiamento, que suman 110 M€. Son as de acceso ao crédito (19 M€); os préstamos directos (50 M€); os préstamos para grandes empresas (37 M€); e as novacións das débedas de Igape (4 M€). A conselleira salientou a flexibilidade nos préstamos, tanto nos períodos de amortización e carencia -cando só se pagan os intereses, sen amortizar capital- como na baixada dos xuros, que poden chegar ao cero por cento. E, por modalidades, sinalou como dúas novidades importantes os préstamos para concentración empresarial e os de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación en pemes.
12 MILLÓNS PARA ATRACCIÓN DE EMPRESAS
No bloque de competitividade, que ascende a 47,3 M€, destacan por importe as axudas para a atracción de empresas (12 M€). Convocarase tamén a segunda edición dos apoios a startups (1,5 M€); os de obradoiros multidisciplinares para pemes (1 M€); para equipamento e investimentos xerais (10 M€); transformación dixital (3 M€); os apoios aos clústeres (3 M€); o programa ReAcciona (2,8 M€); e a liña para os provedores da automoción (14 M€).
No que respecta ao eido da innovación, que suma 15,2 M€, sairán publicadas nos vindeiros días o novo Ticket Innova (1 M€), a liña para a implantación da Intelixencia Artificial IA360 nas pemes (10,2 M€), que se convoca por primeira vez, e o Igape Innova (4 M€). Neste punto, María Jesús Lorenzana puxo en valor a posta en marcha, como novidade, dunha área específica de innovación empresarial no Igape.
De todo este montante de 172,6 M€, un total de 83,5 M€ proceden de fondos propios (case o 50%) e os restantes son Fondos FEDER, procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do Fondo de Transición Xusta. A isto hai que sumarlle as axudas para internacionalización, que serán convocadas no primeiro trimestre do ano.
A conselleira de Economía e Industria asegurou que esta forma de proceder vai en liña co obxectivo de simplificación administrativa, desburocratización e aceleración das tramitacións porque a Administración, dixo, “nunca pode ser un estorbo”. “Polo tanto, axilización, na primeira semana de xaneiro, e simplificación en dous DOG concretos”, remarcou.