Consellería de Economía e Industria
A Xunta destaca o papel que poden xogar as comunidades enerxéticas locais para paliar as desigualdades e a probreza enerxética

- O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, defende que no camiño cara á descarbonización da economía, a implantación deste modelo de cooperación e fomento do autoconsumo con fontes renovables pode resultar fundamental
- Enfatiza que as comunidades enerxéticas locais son “un piar fundamental para paliar as desigualdades da poboación no camiño cara á transición e na loita contra a pobreza enerxética”
- Pero lembra que as Administracións deben por a disposición da cidadanía as ferramentas necesarias para afrontar esa transición e fomentar a aposta por solucións innovadoras
- Fernández Vila detallou que o Goberno galego dispón de varias liñas de axuda para favorecer o aforro enerxético e reducir a pegada de carbono, como a de mellora da planificación dos concellos e comunidades locais ou o programa para a mobilidade eléctrica MOVES III
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na mesa redonda `Políticas públicas, regulamento e implicacións económicas´, no marco do Congreso sobre Comunidades Enerxéticas celebrado no Centro de Servicios e Apoio industrial do Polígono empresarial de Barro, en Pontevedra. Alí debullou a aposta do Goberno galego por incentivar a eficiencia enerxética en todos os sectores e destacou o papel a xogar polas comunidades enerxéticas locais para paliar as desigualdades e loitar contra a pobreza enerxética.
Fernández Vila apuntou que no camiño cara á descarbonización da economía, a implantación das comunidades enerxéticas locais pode resultar fundamental. Este modelo de cooperación no que se fomenta o autoconsumo a partir de fontes de enerxía renovables é, a xuízo do director xeral, un piar fundamental para paliar as desigualdades da poboación no camiño cara á transición enerxética e na loita contra a pobreza enerxética.
Neste contexto, Pablo Fernández apuntou o papel que deben xogar as Administracións para liderar este cambio, tanto a través da adopción dun papel exemplarizante, como poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas precisas para afrontar a descarbonización e fomentar a aposta por modelos enerxéticos máis verdes e sustentables.
LIÑAS DE APOIO DA XUNTA
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que para avanzar nestes obxectivos, o Goberno galego conta con varias liñas de apoio, entre as que citou o programa de planificación enerxética destinada a entidades locais e comunidades enerxéticas, que prevé mobilizar máis dun millón de euros e cuxo prazo de solicitude rematou o pasado 15 de maio; ou a liña para desenvolver proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial en ámbitos non urbanos. E no eido da mobilidade, referiuse ao Plan Renova o teu vehículo, que leva mobilizados máis de 32 millóns de euros na súa última convocatoria e da que aínda quedan fondos dispoñibles para vehículos comerciais, ou o Plan MOVES III-2025, cuxo prazo de presentación permanecerá aberto ata o 31 de decembro.
Finalmente Fernández Vila lembrou que a Xunta conta coa Axenda Enerxética de Galicia 2030, folla de ruta do Goberno galego para avanzar no uso e aproveitamento das fontes de enerxía renovables.

























