Consellería de Economía e Industria
Rueda subliña que o programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) contribúe a construír “unha Galicia máis diversa, preparada e conectada co mundo”
- Na entrega de diplomas aos 250 beneficiarios da convocatoria 2024-2025 referiuse a esta iniciativa da Xunta como eixo do modelo galego de retorno ordenado e de atracción de talento novo
- Afirmou que os datos avalan o éxito do programa, con preto do 80% dos bolseiros instalándose en Galicia e con máis do 60% atopando emprego na Comunidade
- O presidente da Xunta precisou que as BEME forman parte dunha estratexia máis ampla, o plan Galicia Retorna, que inclúe máis de 100 medidas para facilitar o regreso e a integración dos retornados
- A convocatoria do vindeiro curso ofrecerá outras 250 prazas nas tres universidades públicas galegas para alumnado de orixe galega, que poderá optar a máis de 80 mestrados diferentes
- Desde 2017, o número de beneficiarios só no referido aos posgraos xa supera os 1.500, procedentes dun total de 41 países
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na entrega de diplomas do programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), acto no que puxo en valor o compromiso do Goberno galego co retorno dos galegos e galegas do exterior, especialmente das xeracións máis novas que apostan por continuar a súa formación e desenvolver o seu proxecto de vida en Galicia. Rueda destacou o valor simbólico e emocional destas bolsas, que representan moito máis que unha axuda académica, ademais da “gran coordinación administrativa que hai que facer para que sexa posible desde o principio ata o final”. Ademais supoñen un reencontro coa terra de orixe, unha segunda oportunidade e a proba de que o vínculo coa Galicia exterior segue vivo por moito tempo e distancia que pasase. Nesta liña, tamén subliñou que cada bolseiro ten detrás unha historia de esforzo e ilusión, e que o seu regreso contribúe a construír “unha Galicia máis diversa, preparada e conectada co mundo”.
O xefe do Executivo autonómico incidiu en que as BEME forman parte dunha estratexia máis ampla, Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Nesta liña, agradeceu “o esforzo dos que tiveron que saír de Galicia, pero nunca se esqueceron que viñan de aquí” e destacou a existencia de cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.
Alfonso Rueda subliñou que nesta convocatoria 2024-2025 foron 250 os mozos e mozas que accederon ás bolsas para estudar máis de 80 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas, sumándose a unha comunidade que, só no referido ao alumnado de posgrao, supera xa os 1.500 beneficiarios procedentes de 41 países desde 2017, un balance que seguirá medrando coa convocatoria do vindeiro curso, con outras 250 prazas. Ademais, referiuse a datos que evidencian o éxito do programa: preto do 80% dos bolseiros (cunha idade media de 29 anos) deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.
Xunto ás BEME, o presidente da Xunta fixo referencia a outras iniciativas como o programa Retorna Talento FP, o Retorna Cualifica Emprego (con 2,3 millóns de euros destinados á inserción laboral en sectores estratéxicos), as feiras internacionais de emprego como as celebradas recentemente en Arxentina e Uruguai, e o programa de axudas ao retorno emprendedor, cun millón de euros para apoiar novos proxectos.
REMUDA XERACIONAL E COBERTURA DE VACANTES
No acto de entrega dos diplomas, Rueda reivindicou o modelo autonómico de atracción de talento, baseado “no sentidiño, na responsabilidade e na integración”, e definiuno como unha ferramenta estratéxica para a dinamización territorial, a remuda xeracional e a cobertura de vacantes en sectores clave da economía galega. Tamén recalcou “as oportunidades que ofrece Galicia” e animou aos becarios a botar unha man “para seguir mellorando”.
Logo de lamentar a falta de planificación do Goberno central, pediulle avances urxentes en cuestións clave para facilitar o retorno, como o recoñecemento de títulos universitarios e de documentación básica como o carné de conducir, ou a concesión de permisos de residencia a familiares sen nacionalidade española. “Hai que arranxalo canto antes, tanto polo voso interés como polo noso. Presionar e transmitir esa necesidade de que a homologación de títulos sexa moito máis rápida é cousa nosa e intentaremos facelo do xeito máis coordinado”, matizou Alfonso Rueda.