Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana pon en valor a aposta da Xunta pola innovación para crear un ecosistema industrial con efecto tractor para captar novas empresas e atraer talento

  • Durante a visita ás instalacións da biotecnolóxica pontevedresa Hifas da Terra, a conselleira de Economía e Industria lembrou a resolución en agosto das convocatorias de axudas dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova, que concederán case 15 millóns en axudas directas á innovación a máis de 500 empresas
  • Estes apoios enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 e fan posible que “dándolles respaldo (ás empresas) axudámoslles a modernizar os seus procesos para adaptarse aos mercados cada vez máis dinámicos e competitivos”, remarcou
  • María Jesús Lorenzana felicitou a Hifas da Terra, que xa ten presenza en máis de 25 países e que conta con sociedades filiais en Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo en valor a aposta da Xunta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento. Lorenzana visitou en Pontevedra as instalacións de Hifas da Terra, unha empresa biotecnolóxica especializada no desenvolvemento de proxectos relacionados coa saúde e o benestar a partir de fungos, onde destacou a importancia de incentivar a innovación tecnolóxica para que as empresas “poidan incrementar as oportunidades de gañar cota de mercado”, dixo. “Dándolles respaldo axudámoslles a modernizar os seus procesos para adaptarse aos mercados cada vez máis dinámicos e competitivos”, engadiu.

Neste marco, a titular de Economía e Industria lembrou que o Goberno galego vén de resolver no pasado mes de agosto as convocatorias de axudas dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova que permitirán conceder case 15 millóns de euros en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas de Galicia.

En concreto, no Ticket Innova concedéronse 66 axudas por importe de un millón de euros; na liña de Igape Innova concedéronse case catro millóns de euros que beneficiarán a 40 proxectos; e coa IA360 apoiáronse 97 proxectos cun investimento público de 10 millóns. “As tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación das empresas galegas”, subliñou a conselleira. Estes apoios enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 que busca reforzar a innovación como un dos piares da política industrial galega para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico.

Finalmente, María Jesús Lorenzana felicitou a todo o equipo de profesionais de Hifas da Terra, que con case 30 anos de historia xa ten presenza en máis de 25 países do mundo con sociedades filiais en Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia