Consellería de Economía e Industria
O programa Igape-Pemes, que conta cun orzamento de 19 millóns, mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude das axudas

- En 2024 permitiu que máis de 1.100 empresas galegas puidesen poñer en marcha novos proxectos ou consolidar os seus plans de negocio
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salienta novidades desta edición como a flexibilización dos requisitos de xustificación, a rebaixa do tipo máximo de xuro ou a inclusión de operacións con tipo de interese fixo
- Lorenzana enxalzou o apoio da Xunta a microempresas, pemes e autónomos durante unha visita á explotación O Castelo, en Cualedro, beneficiaria do Igape-Pemes en 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca o apoio do Goberno galego a pemes e persoas autónomas a través do programa de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes. Unhas axudas que permitiron no ano 2024 que máis de 1.100 empresas galegas puidesen impulsar novos proxectos ou consolidar negocios que xa estaban en marcha.
Lorenzana enxalzou este programa durante a súa visita á explotación gandeira de ovino e bobino O Castelo, emprazada no municipio ourensán de Cualedro, que o ano pasado resultou beneficiaria a través desta liña de axudas dun apoio para a construción dunha nave destinada a almacén de maquinaria agrícola e alimentación do gando.
Neste marco, explicou que a Xunta mantén aberto o prazo para solicitar esta liña de axudas ata o 30 de setembro. Un programa que nesta edición incluíu unha serie de novidades para facilitar que persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Galicia poidan financiar os seus proxectos, entre elas a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximo, ao baixar o diferencial ata o 1,80, e mesmo a inclusión de operacións con tipo de interese fixo.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria lembrou que Igape-Pemes conta cun orzamento de 19 millóns de euros co que se prevé mobilizar preto de 150 millóns.


























