Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Pablo Fernández Vila: “Se queremos descarbonizar a economía galega, avanzar na implantación do vehículo eléctrico e situarnos á vangarda da tecnoloxía, non podemos opoñernos á minaría”

 

  • O director xeral de Planificación Enerxética e Minas afirmou na Asemblea Xeral Ordinaria da Cámara Oficial Mineira que Galicia é “o punto de partida da Europa verde”
  • Destaca a oportunidade histórica do sector na Comunidade galega, ao liderar a produción nacional de lousa, granito e minerais industriais e levar identificadas 18 das 34 materias primas críticas definidas pola UE
  • Fernández Vila referiuse á sustentabilidade na minaría galega como “obriga moral coa sociedade, impulso á competitividade e o camiño para desenvolver proxectos en Galicia”

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliña o importante papel que vai xogar a minería galega no desenvolvemento económico de Galicia. “Se queremos descarbonizar a economía galega, avanzar na implantación do vehículo eléctrico e situarnos á vangarda da tecnoloxía, non podemos opoñernos á minaría”, afirmou na inauguración da Asemblea Xeral Ordinaria da Cámara Oficial Mineira de Galicia, que tivo lugar na Coruña. Fernández Vila incidiu en que Galicia é “o punto de partida da Europa verde porque temos os minerais, temos o coñecemento e a responsabilidade de facelo ben e por iso estamos traballando para que o noso potencial mineiro se traduza en progreso e benestar”.

Nesta cita anual da Cámara Oficial Mineira de Galicia lembrou que a Comunidade galega é unha potencia mineira, xa que “lideramos a produción nacional de lousa, granito e minerais industriais e atesouramos 18 das 34 materias primas críticas definidas pola Unión Europea, como o litio, o cobre ou o volframio; pero temos que decidir se queremos ser protagonista ou simples espectadores”, advertiu.

Neste punto, o director xeral apuntou que ante este escenario, o sector mineiro galego ten por diante importantes desafíos. O primeiro ao que se referiu foi á sustentabilidade. “Hoxe o futuro do sector pasa pola minaría circular e a restauración progresiva. A sustentabilidade non é unha opción, é a nosa obriga moral coa sociedade, un impulso á competitividade e o camiño para desenvolver proxectos en Galicia”, asegurou.

O segundo reto ao que aludiu é a necesidade de atraer talento e incorporar a innovación aos procesos produtivos. Fernández Vila tamén chamou a atención sobre a necesidade de axilizar as tramitacións administrativas sen rebaixar a exixencia ambiental e a seguridade xurídica: “Unha labor na que estamos traballando na Administración galega, porque a burocracia non pode ser un freo ao desenvolvemento de ningún proxecto que poida xerar riqueza e emprego no territorio”, matizou.

Finalmente, agradeceu á Cámara Oficial Mineira de Galicia o labor realizado nestes anos e trasladoulles os parabéns do Goberno galego por eses máis de cen anos de traballo a prol do desenvolvemento da industria mineira na Comunidade.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia