Consellería de Economía e Industria
O Igape concede 15 millóns de euros en axudas directas á innovación a máis de 500 empresas da Comunidade galega, a través dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova

- Estas tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación, acompañando ás empresas desde a definición de proxectos ata o desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos e a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a IA
- IA360 apoiará nesta convocatoria 97 proxectos, cun investimento público de 10 millóns de euros, distribuídos entre 43 proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de implantación de solucións de IA
- A aposta do Igape enmárcase na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a coordinación das políticas públicas de innovación e a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos para consolidar un tecido máis innovador, competitivo e xerador de valor
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de resolver as convocatorias dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova, que permitirán conceder preto de 15 millóns de euros (14,79M€) en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas da Comunidade (539 sociedades). No seu conxunto, estas tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación das empresas galegas, acompañándoas desde as primeiras fases de definición dos proxectos ata o desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos e a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
As convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a innovación como un dos piares da política industrial da Xunta para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico. A elevada execución do orzamento confirma, ademais, o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación e a transformación tecnolóxica.
Os tres programas responden a necesidades diferentes das empresas e conforman un itinerario completo de apoio á innovación. Así, Ticket Innova facilita ás pemes o acceso a servizos especializados de innovación, como estudos de viabilidade tecnolóxica, vixilancia tecnolóxica, deseño industrial, protección da propiedade industrial, transformación dixital, intelixencia artificial ou ciberseguridade, entre outros. Nesta convocatoria concedéronse 66 axudas, por importe de 1 millón de euros.
Mentres, Igape Innova apoia proxectos orientados ao desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos, á incorporación de novas tecnoloxías e á mellora da competitividade empresarial. Nesta convocatoria concedéronse axudas por importe de 3,97 millóns de euros, que beneficiarán a 40 proxectos.
Pola súa banda, IA360 impulsa a incorporación da intelixencia artificial nas empresas, tanto mediante o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas como a través da implantación de ferramentas xa dispoñibles no mercado. Nesta convocatoria apoiaranse 97 proxectos, cun investimento público de 10 millóns de euros, distribuídos entre 43 proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de implantación de solucións de IA. A redistribución do crédito permitiu incrementar o número de proxectos financiados na modalidade de desenvolvemento tecnolóxico.
ACOMPAÑAMENTO DO IGAPE
Con estas convocatorias, o Igape consolida unha oferta de instrumentos que acompaña ás empresas ao longo de todo o proceso innovador, desde a definición das súas estratexias ata o desenvolvemento tecnolóxico e a implantación de solucións avanzadas.
Esta aposta está enmarcada na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a coordinación das políticas públicas de innovación e a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos para consolidar un tecido empresarial máis innovador, competitivo e xerador de valor.

























