Consellería de Economía e Industria
Rueda aposta por consolidar o Eixo Atlántico como “alianza estratéxica” e “cooperación sólida e estruturada” entre as Comunidades do norte da Península Ibérica
- No Foro Axenda Atlántica, en Bilbao, no que participou xunto co lehendakari, Imanol Pradales, defendeu “un modelo de cogobernanza multilateral de igualdade” para todas as Comunidades, sen renunciar á corresponsabilidade en eidos como o do financiamento autonómico
- O presidente da Xunta afondou en que o Eixo Atlántico precisa políticas activas que corrixan os desequilibrios históricos en materia de infraestruturas e servizos que en ocasións impiden o desenvolvemento industrial
- Incidiu en que o Goberno galego está a estudar a solicitude de competencias en materia de permisos de traballo para persoas estranxeiras
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta por consolidar o Eixo Atlántico como unha alianza estratéxica e reclama equidade territorial en investimentos e competencias. Durante a súa participación no Foro Axenda Atlántica, onde compartiu espazo co lehendakari, Imanol Pradales, co que mantivo unha reunión posterior no Palacio de Ajuria Enea, Rueda defendeu unha cooperación sólida e estruturada con Euskadi e co resto das Comunidades do norte peninsular “nun sentido amplo”, tendo en conta tamén as relacións internacionais con Francia e Portugal.
Así, o titular do Goberno galego destacou que Galicia é unha firme defensora desta alianza, que debe transcender as conxunturas políticas e converterse nunha estrutura estable de colaboración, cunha “conxunción de intereses” compartidos e desafíos comúns (como o reto demográfico, a mobilidade ou a transformación industrial), pero tamén oportunidades que cómpre aproveitar desde estratexias “globais” e con “forza suficiente”.
Alfonso Rueda reclamou unha distribución xusta dos investimentos do Estado para non ter “un país de dúas velocidades”, defendendo a descentralidade de España e sinalando que o Eixo Atlántico precisa políticas activas que corrixan os desequilibrios históricos en materia de infraestruturas e servizos que impiden en ocasións o desenvolvemento industrial.
ALIANZA E RELACIÓN BILATERAL CON EUSKADI
En canto á relación bilateral con Eusakdi, o presidente afirmou que é unha alianza que “convén moito” a Galicia, e agradeceu a súa colaboración para que a Comunidade galega acadase as competencias para xestionar o seu litoral, “algo que para nós é fundamental”. Ademais, Rueda reivindicou un modelo de cogobernanza multilateral, aberto e en pé de igualdade para todas as Comunidades, no que se respecten as competencias e singularidades de cada territorio pero sen renunciar á corresponsabilidade nos grandes temas como o financiamento autonómico.
No que respecta ao reto demográfico, o titular do Goberno galego destacou as medidas tomadas pola Xunta para fomentar a natalidade, como son as axudas á conciliación, a gratuidade das matrículas universitarias ou o apoio á fecundación in vitro.
Nesta liña, reivindicou as políticas de atracción de talento e poboación a Galicia, como o Plan Retorna, e subliñou que a Xunta está a estudar a solicitude de competencias en materia de permisos de traballo para persoas estranxeiras. Ademais, para aumentar as oportunidades da xente nova en Galicia, o presidente da Xunta reivindicou ser “esixente” coas empresas que desexan investir en Galicia pero tamén manter con firmeza as decisións tomadas.