Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta enxalza a contribución do sector aeronáutico galego como motor de emprego cualificado e de crecemento industrial

  • Galicia conta cun ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial “sólido e recoñecido”, que inclúe desde grandes fabricantes internacionais ata empresas especializadas en mecanizado, estruturas, sistemas de control ou mantemento
  • A Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), potencia e amplía ata 2030 o apoio da Xunta ao sector, iniciado hai máis dunha década
  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou en Tecnópole na clausura dunha xornada da cadea de subministro aeronáutica española na que participaron compañías como Airbus, ITP Aero, Aernnova, Aciturri e Delta Vigo

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu a clausura da VII Xornada Cadea de subministro aeronáutica española, promovida pola Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE) e por Asime. Nesta xornada, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reafirmou o apoio da Xunta de Galicia ao sector aeronáutico e destacou a súa achega como motor de creación de emprego cualificado e de crecemento industrial na Comunidade.

Ardao sinalou que Galicia conta cun ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial sólido e recoñecido, que inclúe desde grandes fabricantes con presenza internacional ata empresas especializadas en mecanizado, estruturas, sistemas de control e mantemento; e engadiu que firmas como Delta Vigo, Coasa, UARX Space ou Kreios Space son mostra de que a Comunidade ocupa xa un lugar destacado na cadea de valor mundial do sector, xerando emprego de alta cualificación e exportando capacidade tecnolóxica en mercados de máxima esixencia.

O apoio da Xunta de Galicia ao sector aeronáutico e aeroespacial ten máis dunha década de percorrido, que agora se consolida coa Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), ampliándose ata 2030. A directora xeral destacou que o novo contexto xeopolítico e tecnolóxico representa unha oportunidade real para as empresas galegas e lembrou que investir en seguridade, defensa e aeroespazo é tamén investir en prosperidade, en capacidade tecnolóxica e en tecido industrial.

O encontro reuniu na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas, nas instalacións de Tecnópole, a representantes das principais empresas do sector, entre elas Airbus, ITP Aero, Aernnova, Aciturri e Delta Vigo, xunto a pemes galegas de referencia na cadea de subministro.

AXUDAS PARA CERTIFICACIÓN E PROGRAMA EXECUTIVO

Margarita Ardao lembrou ademais dous instrumentos impulsados pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica e dirixidos ás pemes: as axudas para a certificación como provedoras do sector da seguridade e a defensa —abertas ata o 13 de maio, cun orzamento de 1,5 millóns de euros e ata 75.000 euros por empresa—; e o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, desenvolvido coa colaboración da Escola de Organización Industrial, que rexistrou un elevado número de solicitudes que levou á próxima convocatoria dunha segunda edición. Neste sentido, a directora xeral avanzou que proximamente se lanzarán novas convocatorias para reforzar o posicionamento das pemes galegas no sector.

Por outra parte, destacou o valor do acordo de colaboración que a Xunta mantén desde hai case un ano con TEDAE e reafirmou o compromiso do Goberno galego como socio activo do sector a través de políticas estables, instrumentos financeiros concretos e colaboración permanente cos axentes industriais.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia