Consellería de Economía e Industria
Lorenzana anuncia o inicio das axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes por parte das familias, autónomos e empresas
-
O programa `Renova o teu vehículo´ conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros e subvenciona a compra de turismos e furgonetas cun custo de ata 42.000 euros
-
Como novidade, as axudas cobren un prezo final de 47.000 euros nos vehículos adaptados para a condución de persoas con discapacidade, ou para os de 8 ou 9 prazas e os que teñan autonomía superior aos 30 kilómetros en modo eléctrico
-
É requisito imprescindible que o beneficiario acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, e de polo menos 10 anos de antigüidade no caso dos turismos e de 5 nas furgonetas
-
As axudas irán dos 3.000 aos 4.000 euros en función dos niveis de emisións, dos que a Xunta achega de 2.000 a 3.000 e o concesionario os 1.000 restantes, sen que o comprador teña que adiantar eses importes
-
A contía increméntase nun 20% para as familias numerosas, con apoios que oscilarán entre os 3.400 e os 4.600 euros
-
Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé apoiar a renovación duns 1.400 automóbiles, que mobilicen 34 millóns de euros de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais
-
Na edición anterior, o plan `Renova o teu vehículo´ permitiu a compra de 1.254 unidades, cun impacto positivo tanto na economía como no medio ambiente
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanza que a partir do mércores 22 de xaneiro e ata o 30 de setembro, xa se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes, dirixidas tanto a particulares como a pemes e autónomos. Lorenzana presentou a nova convocatoria do programa ‘Renova o teu vehículo’ acompañada por representantes da Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción (Faconauto), nun acto no que quixo agradecer a contribución dos concesionarios galegos no deseño deste plan de axudas que tivo moi boa acollida na pasada edición. “O diálogo constante entre a Administración e as organizacións do sector é clave para afrontar os retos da electrificación e a dixitalización, así como para deseñar medidas que reforcen a nosa competitividade e, ao mesmo tempo, incentiven a demanda”, dixo a conselleira, para poñer en valor o liderado da automoción galega.
Segundo explicou, o programa ‘Renova o teu vehículo’ ten tres obxectivos principais: axudar ás familias, autónomos e empresas na adquisición de vehículos novos e máis eficientes; renovar o parque móbil galego, que aínda ten unha idade media de 14 anos; e impulsar unha mobilidade sustentable e sensibilizar á sociedade sobre a importancia de reducir as emisións contaminantes.
Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros e subvenciona a compra de turismos e furgonetas que han de cumprir uns determinados niveis de emisións e han de ter un custo inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos), que se amplía a 47.000 euros para vehículos eléctricos cunha autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros máis, como novidade, cando se trate dun vehículo adaptado para a condución de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas. No caso dos particulares, cobre a compra dun único automóbil e, para as empresas e autónomos, de ata dez unidades.
Un requisito imprescindible é que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, de polo menos 10 anos de antigüidade se se trata dun turismo e, de cinco, se son furgonetas; en ambos os dous casos, co pagamento do imposto de circulación do último ano en vigor. Outra das novidades desta convocatoria é que se establecen novos umbrais de emisións para acceder ás axudas: 100 g CO2/km e 120 g CO2/km.
AXUDAS DE 3.000 A 4.000 EUROS
A contía das axudas, por concorrencia non competitiva, oscilará entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo os niveis de emisións e, destas contías, a Xunta achega 2.000 ou 3.000, en función do modelo, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20% para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros. O pago da subvención realizarase directamente ao concesionario, polo que o beneficiario final xa non terá que desembolsala previamente.
Na pasada edición, este programa permitiu a compra de 1.254 vehículos, cun impacto positivo tanto na economía como no medio ambiente. Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé apoiar a renovación duns 1.400 automóbiles, que mobilicen 34 millóns de euros de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais. Ademais, estímase que poida favorecer a creación de mais de 276 postos de traballo directos, e unha redución de emisións de 820 toneladas de dióxido de carbono ao ano (equivalente ao efecto de 41.000 árbores).