Consellería de Economía e Industria
A tecnolóxica Vig-Sec Drone, con sede en Nigrán, foi seleccionada como unha das 15 empresas a nivel mundial para formar parte dun programa estratéxico da OTAN

- Participará na aceleradora DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic), o que lle dará a oportunidade de presentar a súa tecnoloxía aos departamentos de Defensa dos países membros da Alianza
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou a Vig-Sec Drone e celebrou que forme parte “dun selecto grupo de 15 empresas a nivel mundial cuxas solucións innovadoras son consideradas de alto valor engadido para os países que integran a OTAN”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou á empresa galega Vig-Sec Drone, tras ser seleccionada para formar parte do programa de aceleración DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic) que impulsa a OTAN. Vaino facer coa plataforma de xestión e coordinación táctica do espazo aéreo de media e baixa cota denominada Suite ACRE, no marco da fase Mission Track.
Lorenzana, que a pasada semana visitou as instalacións que esta firma pontevedresa ten no municipio de Nigrán, celebrou que a tecnolóxica galega especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software de xestión de espazo aéreo, forme parte dun selecto grupo de 15 empresas a nivel mundial cuxas solucións innovadoras son consideradas de alto valor engadido para os países que integran a OTAN. Precisamente, a participación nesta fase da aceleradora tecnolóxica daralles a posibilidade de presentar a súa tecnoloxía aos departamentos de Defensa dos países que forman a Alianza.
Ademais, a titular de Economía e Industria lembrou que Vig-Sec Drone creceu co apoio da Xunta de Galicia a través de aceleradoras como a BFAero ou ViaGalicia, así como coa participación directa de Xesgalicia no seu capital.
Na visita ás instalacións de Nigrán, Lorenzana fixo fincapé en que a través dos acordos de asociación, cuxa convocatoria permanece aberta ata o 30 de setembro, a Xunta destina un investimento público de 40 millóns de euros para promover o desenvolvemento e a fabricación en Galicia de produtos e servizos nos sectores da defensa, a seguridade e o aeroespazo. Explicou que é unha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) a partir da fórmula da Compra Pública Precomercial, coa que se van financiar proxectos en fases de innovación moi avanzadas. Está prevista unha mobilización de 900 millóns de euros.
























