Consellería de Economía e Industria
Os acordos de asociación promovidos pola Xunta van propiciar un investimento público de 40 millóns para desenvolver e fabricar en Galicia produtos e servizos nos sectores da defensa, seguridade e aeroespazo

- Nunha visita a Vig-Sec Drone, en Nigrán, a conselleira de Economía e Industria adiantou que a partir da fórmula da Compra Pública Precomercial vanse financiar proxectos en fases de innovación moi avanzadas
- A mobilización prevista de 900 millóns de euros ten como obxectivo potenciar o crecemento das empresas que xa operan nestes sectores e facilitar a incorporación daquelas outras que están traballando en tecnoloxías duais
- María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo de Vig-Sec Drone e lembrou que participou en aceleradoras como ViaGalicia e BFAero, así como na Aceleradora de Innovación en Defensa da OTAN
Nunha visita ás instalacións da empresa Vig-Sec Drone, en Nigrán, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que a través dos acordos de asociación, cuxa convocatoria permanece aberta ata o 30 de setembro, a Xunta destina un investimento público de 40 millóns de euros para promover o desenvolvemento e a fabricación en Galicia de produtos e servizos nos sectores da defensa, a seguridade e o aeroespazo. Lorenzana explicou que se trata dunha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) a partir da fórmula da Compra Pública Precomercial, coa que se van financiar proxectos en fases de innovación moi avanzadas, indicou.
Cunha mobilización prevista de 900 millóns de euros, o obxectivo desta estratexia, apuntou a conselleira, é potenciar o crecemento das empresas que xa operan nestes sectores e facilitar a incorporación daquelas outras que xa están traballando en tecnoloxías duais; é dicir, que poden ter aplicacións tanto de uso civil como para defensa e seguridade.
Neste contexto, puxo en valor o traballo que desenvolve Vig-Sec Drone, tecnolóxica do Val Miñor, especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software de xestión de espazo aéreo. Unha empresa que, lembrou, participou en aceleradoras como ViaGalicia, BFAero e, tamén, na Aceleradora de Innovación en Defensa da OTAN.

























