Consellería de Economía e Industria
O parque empresarial de Xinzo incrementa a súa superficie nun 40% coa urbanización de 23 novas parcelas

- A Xunta de Galicia investiu máis de 7,5 millóns de euros nunha actuación que define como moi necesaria, ao estar ocupadas as 90 parcelas actuais e non haber oferta dispoñible de solo empresarial
- A estratexia de impulsar solo nas grandes áreas industriais de Galicia e nas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial aumentará en 2,6 millóns de metros cadrados a superficie nos polígonos e parques ourensáns
- Na actualidade está en tramitación a redacción do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial dos parques de Carballiño-Maside, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar, e xa se licitaron as obras de ampliación do Polígono de San Cibrao
A Xunta de Galicia acaba de rematar as obras de urbanización da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia (Ourense), que incrementa nun 40% a súa superficie, ao engadir 117.418 metros cadrados coa incorporación de 23 novas parcelas. Unha vez que o Concello aprobe a acta de recepción, tal e como xa lle solicitou Xestión do Solo de Galicia-Xestur, dependente da Consellería de Economía e Industria, as parcelas adquirirán a condición de solar e os propietarios poderán solicitar a licencia tanto de obra como de actividade, segundo corresponda.
O investimento total da Xunta de Galicia neste proxecto supera os 7,5 millóns de euros. Trátase dunha actuación moi necesaria, xa que o actual polígono, que conta con 90 parcelas xa ocupadas, non tiña ata agora superficie dispoñible para dar resposta á demanda actual que existe por parte das empresas que xa operan na comarca da Limia ou das que están interesadas en instalarse alí.
No conxunto da provincia de Ourense, o Goberno galego ten en marcha diversas actuacións que suporán incrementar en 2,6 millóns de metros cadrados a superficie actual de solo empresarial nos polígonos e parques ourensáns, de acordo coa estratexia de impulsar solo nas grandes áreas industriais, pero tamén nas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu despoboamento.
Neste senso, encóntranse actualmente en tramitación a redacción dos Peose (Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial) dos parques empresariais de Carballiño-Maside, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar. Ademais, xa se licitaron as obras de ampliación do Polígono de San Cibrao das Viñas.



























