Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

  • Nesta primeira edición do encontro participaron preto de 50 investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira científica no exterior

  • O Foro crea un punto de referencia para o intercambio de coñecemento e o fomento de relacións entre o persoal investigador do estranxeiro e o afincado en Galicia

  • Durante o evento déronse a coñecer as iniciativas da Xunta para atraer talento, como o decreto que regula o ámbito laboral dos investigadores ou o Programa Oportunius para consolidar unha carreira científica de excelencia en Galicia

  • A conselleira de Economía avoga polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte a retos como a electrificación e descarbonización ou para dinamizar a distribución e comercialización

  • “O noso papel ten que ser traballar para que motores como Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando e para que a industria auxiliar siga desenvolvéndose”, aseverou

  • Na inauguración da `XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024´ lembrou que a automoción galega representa o 15% do emprego industrial da Comunidade e máis do 16% do PIB

  • Precisou que a recente declaración do sector como estratéxico potenciará o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio e citou axudas en vigor como a dirixida á compra de vehículos de baixas emisións

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta de Galicia está elaborando un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos primeiros cen días da lexislatura. Lorenzana fixo este anuncio na inauguración da `XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024´, que considerou un “éxito absoluto” e de gran importancia para toda a cadea do sector en Galicia. Un sector, lembrou, que abrangue o 15% do emprego industrial na Comunidade e que representa máis do 16% do PIB.

Na súa intervención, a conselleira avogou polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte aos retos que ten por diante esta industria, que pasan, dixo, pola electrificación e a descarbonización pero, tamén, “por que esa outra pata da cadea de valor que é a distribución e a comercialización funcione con normalidade”, abondou.

“Temos que traballar xuntos para apoiar esa transformación progresiva, esa transición cara á electrificación e o automóbil de baixas emisións. Polo tanto, o noso papel ten que ser, por unha banda, traballar para que motores industriais como pode ser Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento e no seu asentamento na comunidade autónoma; e para que a industria auxiliar aquí na provincia de Pontevedra e en Galicia continúe desenvolvéndose”, expuxo a conselleira.

MEDIDAS VIXENTES DE APOIO AO SECTOR

Ao respecto, María Jesús Lorenzana puxo de manifesto as medidas de apoio ao sector adoptadas pola Xunta, tanto no ámbito industrial como no comercial. Apuntou, así, que acaba de ser declarado sector estratéxico, o que permitirá potenciar o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio. E tamén citou as axudas para a compra de vehículos de baixas emisións, para apoiar economicamente ás familias e darlle seguridade xurídica á hora de mercar un automóbil novo.

  • A convocatoria consta de cinco liñas destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o da elaboración de rocha ornamental

  • Apoiaranse investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico das zonas nas que se desenvolve a actividade mineira, en especial os dirixidos á redución de emisións de po e ruído

  • As axudas poden chegar ata os 100.000 euros, nunha convocatoria que permanecerá aberta ata o 8 de abril ou ata o esgotamento do crédito

  • A Xunta investirá 2,4 millóns de euros neste plan de axudas de fomento da sustentabilidade no sector dos recursos naturais

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, avanzou en Lourenzá (Lugo) que o vindeiro 8 de marzo comeza o prazo de solicitude para acceder ás axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais, nas que a Xunta investirá 2,4 M€.

Fernández Vila realizou este anuncio durante a visita que fixo ás canteiras Valiño, en Lourenzá, e Grande Mesada, en Mondoñedo, beneficiarias da última convocatoria destas axudas. En concreto, a primeira recibiu 87.900 euros para acometer un peche perimetral mediante paneis de chapa precalada que dotará de estanqueidade o conxunto da zona dedicada á trituración secundaria e terciaria da planta de tratamento de áridos. Mentres que a segunda accedeu a un apoio de 44.760 euros para realizar tamén un peche perimetral que outorgará estanqueidade á zona de clasificación da planta de tratamento de áridos.

Tal e como explicou o director xeral, nesta convocatoria haberá cinco liñas destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro, como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

CALIDADE AMBIENTAL

Unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e ao ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, do 50% para as medianas e do 40% para as grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 na terceira.

Por outra banda, outorgaranse axudas para mellorar a conservación e xestión sustentable dos acuíferos ou captacións dos aproveitamentos de augas minerais, termais e de manancial. Apoiaranse investimentos que incrementen a protección do recurso hídrico, especialmente as que poidan previr afeccións e a contaminación das contornas de captación. Neste caso a axuda máxima será de 50.000 euros.

Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector. A axuda máxima será de 3.000 euros.

A convocatoria, que se tramitará por orde de solicitude, estará aberta ata o vindeiro 8 de abril ou ata o esgotamento do crédito.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou en Madrid no acto de entrega do `XVII Premio Victoriano Reinoso´, concedido por Aegama ao empresario viveirense Francisco Vale

  • María Jesús Lorenzana asegurou que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas, e que unha das principais liñas da política económica continuará baseada na colaboración público-privada

  • Defende que esa será a “folla de ruta” dos vindeiros catro anos, xa que “o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza”

  • Destacou do premiado por Aegama, Francisco Vale, actual conselleiro delegado de Unilusión, a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo

  • O empresario nado en Viveiro lidera un novo proxecto en España, despois de máis de tres décadas en París como director xeral no sector dos facility services, no que chegou a xestionar unha compañía con 13.000 empregados

  • Covadonga Toca, directora do Igape, destaca a fortaleza de “acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, promoción do talento e fomento da cultura da internacionalización”

  • Destaca a nova liña de apoio ás startups, que cobre o 100% dos gastos para o lanzamento e consolidación temperá de proxectos

  • A directora do Igape enxalza que os centros dixitais e de fabricación avanzada “permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores”

  • Pon en valor a canle única da Oficina Económica de Galicia e apoios da Xunta como a nova liña de incentivos para atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para financiamento, ou a batería de axudas para fomentar a internacionalización

  • Covadonga Toca participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, cunha intervención baseada nas vantaxes e beneficios da cooperación público-privada

 

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.

“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.

Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio, entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas. Detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.

CENTROS DIXITAIS E DE FABRICACIÓN AVANZADA

E todo isto, afondou, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que contamos “cun exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.

“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Covadonga Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para a atracción de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.

“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.

  • Darán apoio a 60 plans promovidos por microempresas, pemes, autónomos e asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social e mobilizarán en torno a 9 millóns de euros

  • As axudas poderán solicitarse ata o 13 de marzo e terán unha intensidade do 50%, mentres que o orzamento subvencionable deberá estar entre 50.000 e 150.000 euros

  • InnovaPeme e DeseñaPeme buscan instaurar unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas e aumentar o número de empresas innovadoras

  • Ambos programas complétanse con outras liñas como os Bonos de innovación, o plan ReAcciona, a aceleradora de internacionalización Galicia Avanza, as business factories ou o programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza

 

A Xunta está a promover unha nova convocatoria dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, dirixidos a impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas galegas a través dun orzamento de 4,5 M€. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 13 de marzo.

Estes dous programas pretenden dar resposta ás necesidades das pemes, en especial ás menos innovadoras de sectores tradicionais, paliando a súa falla de recursos e coñecementos en materia de innovación. Así, a través de DeseñaPeme incídese na innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade corporativa; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.

Ambos os dous programas aspiran a financiar 60 plans de deseño e innovación nas pemes cunha mobilización de 9 M€. As entidades beneficiarias son autónomos, microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro do terceiro sector social, sempre que teñan actividade económica e categoría de peme.

O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas terán unha intensidade do 50% e outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

CULTURA DE INNOVACIÓN CONTINUA

Os obxectivos destes programas son promover unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras.

Estas convocatorias enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por achegar a innovación a todo o tecido empresarial e vense completadas con outras liñas como os Bonos de innovación (abertos ata o 22 de febreiro) para actuacións a curto prazo e dun menor importe; o programa ReAcciona; a aceleradora de internacionalización para proxectos innovadores Galicia Avanza (que se lanzará proximamente); o traballo das distintas business factories ou o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza.

  • Serán instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa”, ubicados nunha empresa principal, pero a disposición das pemes e autónomos de toda Galicia

  • Reafirman a aposta da Xunta por seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega e xurden ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais

  • Os novos referentes de innovación abarcarán a produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade e a produción, monitorización e análise de vídeo

  • O obxectivo é a promoción de infraestruturas de vangarda como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, desde un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador

  • Actualmente estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada, nos sectores TIC, turismo, saúde, loxística, biotecnoloxía, agroalimentación e deporte, cun investimento total de 26,6 millóns de euros

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia