Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia inxectará un investimento de 5.000 millóns de euros

- Representa un 157% máis que os fondos mobilizados pola RIS 3 no anterior período (2014-2020), no que acadaron 1.900 millóns.

- Os eixos das políticas de Xunta en I+D+i serán a sustentabilidade, a dixitalización e as persoas.

- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resalta que esta nova estratexia “crece tanto en obxectivos como en recursos por esixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i”.

- A RIS3 de Galicia ata 2027 introduce o concepto de misión para identificar e priorizar un máximo de 6 proxectos tractores que concentrarán o maior número de recursos e de capacidades.

- Ademais de fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, os grandes obxectivos son incrementar o número de pemes innovadoras galegas e conectar  a innovación dos grandes retos da sociedade galega, como o envellecemento activo, a alimentación saudable, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, eloxia a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027, que sitúa a sustentabilidade, a innovación e as persoas como os eixes das políticas de I+D+i da Xunta cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5.000 millóns de euros de investimento público-privado.

Con respecto á anterior RIS3 (2014-2020), esta nova estratexia crece tanto en obxectivos como en recursos por exixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i. A Consellería de Economía detalla que para este período se destinarán un 157% máis de fondos que no anterior marco orzamentario 2014-2020, no que se acadou un investimento superior aos 1.900 millóns de euros. De cara ao 2027, dos 5.000 millóns de euros de investimento previsto, 3.000 millóns proveñen de fondos públicos.

Departamento I+D de Marine Instruments

Prioridades

As tres prioridades da nova RIS3 van estar, por un lado, na sustentabilidade, como eixe diferenciador respecto ás políticas de I+D+i de etapas anteriores; na dixitalización, como elemento facilitador para a transformación económica e social de Galicia; e nas persoas, a través dunha investigación e innovación orientadas a abordar os retos da sociedade galega: o envellecemento activo, a alimentación, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial. Por outro lado, outra das prioridades será o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i para que funcione de xeito máis integrado, achegando os centros de coñecemento ás empresas e prestando especial atención á perspectiva de xénero no campo da investigación e a innovación.

Froito dun proceso de diálogo co sector

Francisco Conde remarcou na presentación da nova RIS3 que se trata dunha estratexia, como a anterior, froito dun proceso de diálogo con todo o ecosistema galego de I+D+i (universidades, centros tecnolóxicos,...), co tecido empresarial galego, e, tamén, coa propia cidadanía, a través de diferentes encontros divulgativos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convocou a pé de rúa ao longo dos últimos meses e nos que se recolleron 300 achegas. En total, máis de 800 participantes entre as 500 empresas galegas que colaboraron, os centros de coñecemento e todas as persoas que, en xeral formaron parte das 27 mesas de traballo convocadas e que responderon ás 175 entrevistas realizadas.

É unha estratexia que reafirma a visión integradora da I+D+i en toda a cadea de valor e para a que se creou no seo do Goberno galego unha Comisión Interdepartamental de I+D+i porque, por primeira vez, a política de innovación e investigación tamén ten carácter transversal para a totalidade da Xunta de Galicia.

Outra das novidades da nova RIS3 está en que introduce o concepto de misión, a mesma fórmula da Comisión Europea para priorizar obxectivos e concentrar o máximo posible de recursos e capacidades ao redor dun gran proxecto. En concreto, está previsto que sexan entre catro e seis misións as que se desenvolvan en Galicia, que se irán perfilando cos axentes do ecosistema e que se financiarán con fondos Feder a través de dúas convocatorias. Un dos proxectos previstos será para prolongar a estadía de persoas maiores dependentes nos seus domicilios, que requirirá aliñar solucións tecnolóxicas, asistenciais, TIC, médicas ou construtivas e de domótica.

 

Máis pemes innovadoras

Conde destaca que todos os esforzos deben ir dirixidos, sobre todo, a romper o teito de cristal para as pemes e en sectores tradicionais afastados aínda da I+D+i, polo que o tecido económico e o sistema de I+D+i deben traballar perfectamente conectados facendo efectiva a transferencia de coñecemento. Ademais, defende a necesidade de seguir fomentando a colaboración público-privada e apunta que nesta etapa a Xunta vai traballar por retornar a Galicia máis fondos estatais e europeos.

 Benteler, no Parque Empresarial de Mos

Balance do anterior período No balance 2014-2020 o investimento en Galicia en I+D creceu un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23%), conseguindo o nivel más alto: 641,7 millóns de euros. A Xunta outorgou 6.700 axudas (6 de cada 10 para pemes) que mobilizaron 1.900 millóns de investimento público-privado, o 76% en proxectos encamiñados a crear un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Triplicouse o orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) que, desde 2014, pasou de 56,3 millóns a 152,7 millóns neste exercicio. E, neste contexto, a innovación creceu en Galicia case ao dobre do ritmo da media española desde 2014.

No que respecta ao período 2022-2027, a nova RIS3 dispón dous períodos de planificación. O primeiro, 2022-2024, contempla preto de 1.600 millóns de orzamento para desenvolver cinco programas cos seguintes obxectivos: impulsar a posta en marcha de proxectos transformadores e de impacto a través da colaboración e transferencia público-privada; consolidar unha oferta de I+D+i avanzada capaz de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade; converter Galicia nunha contorna favorable para a atracción e retención de talento; incrementar o número de empresas innovadoras e impulsar a Marca Galicia desde o ámbito da I+D+i para captar novos investimentos e posicionar a Gallicia como un referente en España e no conxunto de Europa.

Francisco Conde sostén que estamos nun momento decisivo para apostar pola I+D+i e asegurar, así, unha recuperación sustentable e un futuro de progreso para as vindeiras xeracións. E engade que precisamos a I+D+i para completar a dobre transición enerxética e dixital que xa iniciamos porque é a garantía para saír máis fortalecidos do actual contexto de crise que vive España. A nova RIS3 é, nese sentido, o mapa da innovación en Galicia de cara á vindeira década.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia