Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

O programa Galicia Exporta Dixital promoverá plans de internacionalización de pemes e autónomos galegos en máis de 80 países

- Os apoios desta nova convocatoria para facilitar as vendas no exterior mediante ferramentas dixitais innovadoras oscilan entre os 18.000 e os 100.000 euros.

- A Xunta recibiu 240 solicitudes de pemes e autónomos, cun 53% procedentes de microempresas.

- Os sectores con maior representatividade son o do comercio, o da industria agroalimentaria e o do metalmecánica.

- Este programa xa permitiu impulsar máis de 330 plans de internacionalización dixital para a promoción de empresas galegas e os seus produtos en máis de 90 países, cun volume de 12 millóns de euros.

A nova convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, que conta este ano cun orzamento de 4,4 millóns de euros, vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes tras recibir 240 de pemes e autónomos galegos para impulsar plans de internacionalización en máis de 80 países.

Deste xeito, a Xunta de Galicia mantén a cooperación co tecido produtivo na procura de apoiar a expansión internacional das empresas galegas—especialmente pemes—, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. Neste sentido, cómpre salientar que o 53% das solicitudes recibidas correspóndense con microempresas, preto do 35% son pequenas empresas, e o 12% restante, medianas.

 

As axudas, de concorrencia non competitiva, cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital, situándose entre os 18.000 e 100.000 euros, agás no caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca, nas que o gasto subvencionable mínimo pode ser igual ou superior a 14.000 euros, cun máximo de 37.500 euros no caso de empresas do sector da pesca e de 25.000 euros para as de produción agraria.

Neste sentido, cómpre salientar o comercio, a industria agroalimentaria e a metalmecánica como os sectores cunha maior porcentaxe de solicitudes, sumando entre os tres máis do 50% das propostas recibidas.

Os apoios da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría, como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou a cobertura de gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada, así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

 

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.

O programa Galicia Exporta Dixital permitiu ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12 millóns de euros. Así mesmo, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contan cun orzamento de 7,5 millóns de euros e teñen aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 24 de maio.

Estratexia de Internacionalización de Galicia

Esta serie de accións enmárcanse na nova Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Esta estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% a facturación no Reino Unido. Esta aposta pola internacionalización fixo de 2021 un ano histórico para as exportacións galegas. As vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, o que se supón un novo teito e un incremento do 21,1% con respecto a 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que marca tamén neste período un novo récord, chegando ás 9.360, un 31,5% máis que en 2020.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia