Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Galicia TurisTIC estréase como polo tecnolóxico para impulsar a dixitalización do sector, crear emprego de calidade e reter talento

Inauguración do Centro de Servizos Avanzados de Galicia TurisTIC

- O Centro de Servizos Avanzados de Vilagarcía de Arousa, recén inaugurado, é o primeiro dos sete centros de fabricación avanzada que planifica abrir a Xunta de Galicia, cun investimento de 27 millóns de euros.

- Esta iniciativa de colaboración público-privada, na que a Xunta achega preto do 76% do orzamento, configurará novos polos tecnolóxicos en sectores como o turismo, agroalimentación, loxística, biotecnoloxías e TICs.

- TurisTIC ten entre os seus obxectivos axudar a redefinir modelos de negocio no sector turístico, ofrecer servizos alternativos e garantir a seguridade dos viaxeiros na era postcovid.

- Cun investimento 100% público de 400.000 euros, o centro aberto en Vilagarcía de Arousa dispón de tres laboratorios e de áreas de formación, demostración a clientes e impulso de startups.

O novo Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC nace na procura de configurarse como un polo tecnolóxico para impulsar a dixitalización do sector, contribuír á creación de emprego de calidade e reter talento tanto na comarca do Salnés como en toda Galicia. De recente apertura, foi inaugurado o pasado 3 de maio polo director do Igape, Fernando Guldrís, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A iniciativa forma parte dos sete centros de fabricación avanzada que está a impulsar a Xunta de Galicia grazas á colaboración público-privada a través dun investimento de case 27 millóns de euros, dos que a Administración autonómica achega preto do 76%. O obxectivo principal é potenciar sectores como o turismo, o agroalimentario, o loxístico, o biotecnolóxico ou o das TIC para ofrecer toda unha infraestrutura de recursos e servizos tecnolóxicos ás pemes galegas.

Fernando Guldrís detallou que “estamos a falar de fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada ou espazos especializados para modernizar e desenvolver a base industrial da zona na que se sitúen, con especial énfase na sustentabilidade”. Lembrou ademais que o “éxito desta primeira experiencia” levou ao Goberno galego a promover unha nova consulta entre o tecido produtivo da que se recibiron dez achegas de interese encamiñadas a impulsar novos centros de fabricación avanzada.

Neste escenario, Galicia TurisTIC xorde para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. Así, a idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.

BIG DATA, INTELIXENCIA ARTIFICIAL E REALIDADE VIRTUAL

Para acadar este obxectivo, o novo centro suma máis de 275 metros cadrados que comprenden tres laboratorios –de intelixencia artificial e big data; de dispositivos intelixentes; e de realidade virtual e aumentada–; unha área de formación no eido tecnolóxico; unha área de demostración para clientes públicos e privados; e outra área de emprendemento para startups.

A iniciativa foi financiada ao 100% pola Xunta de Galicia a través dun investimento de preto de 400.000 euros. É o resultado do traballo conxunto entre administracións autonómica e local e empresas e entidades como o Clúster de Turismo de Galicia e o Clúster TIC de Galicia; a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía; a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e a Mancomunidade do Salnés.

BANCO DE PROBAS PARA A MELLORA DE PRODUTOS E SERVIZOS

“A aspiración é que o talento emprendedor, o tecido empresarial e as administracións teñan á súa disposición un banco de probas para introducir mellores produtos e servizos”, interpreta o director do Igape, para quen a localización do centro na comarca do Salnés non é casualidade: “Este é un lugar onde se lle confire unha importancia destacada ao turismo e por iso a súa localización en Vilagarcía é unha fortaleza; unha comarca na que o turismo, e o sector servizos en xeral, son piares fundamentais para a súa economía”, enxalzou.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, eloxia o peso do turismo na economía galega e salienta as medidas postas en marcha desde a Xunta de Galicia para seguir modernizando este sector. “Cremos que un dos piares máis importantes para o sector turístico é a formación e a innovación, tal e como amosa o noso Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, unha folla de ruta que está a guiar a nosa recuperación”, asegura. Tamén lembra que no marco deste plan púxose en marcha a Aceleradora de Proxectos Turísticos da Xunta de Galicia, que agora está a celebrar a súa segunda edición.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia