Busca en nuestra página

- A contribución das enerxías renovables crecerá dez puntos porcentuais nunha década en xeración e 12 puntos en consumo final, ao tempo que recortará ao 39% a dependencia enerxética do exterior.

- A vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación está a avanzar na Axenda Enerxética de Galicia 2030 cos diferentes axentes do sector

- O investimento público previsto ata 2024 supera os 630 millóns de euros, para dispoñer de máis fontes renovables e para impulsar a eficiencia enerxética, o autoconsumo e a economía circular.

- Un dos grandes desafíos é o de converter a Galicia nunha rexión neutra en carbono no ano 2050.

- Francisco Conde salienta que a nova Axenda Enerxética “busca avanzar cara unha transición enerxética que permita o desenvolvemento das diferentes renovables e ao mesmo tempo garantir o mix enerxético que nos faga competitivos desde o punto de vista industrial e eficientes desde o punto de vista do impacto nas familias e nas pemes”.

A Comunidade galega avanza no deseño dunha transición enerxética eficiente e na planificación de obxectivos a través da Axenda Enerxética de Galicia 2030, que dará impulso ás renovables, á eficiencia enerxética, ao autoconsumo e á economía circular. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, está a consensuar estratexias cos diferentes axentes do sector para avanzar na nova Axenda Enerxética. Esta folla de ruta prevé un investimento público de máis de 630 millóns de euros na primeira fase, de aquí ao 2024, para dispoñer de máis fontes renovables e impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, a mobilidade eficiente e sustentable, a economía circular, a innovación tecnolóxica e os biocombustibles e gases de orixe renovable.

Nunha recente reunión cos representantes dos clústeres da xeotermia, a biomasa, as renovables, o autoconsumo enerxético e do Clúster de Solucións Ambientais e Economía Circular, Conde salientou que o Goberno galego busca avanzar cara a “unha transición enerxética que permita o desenvolvemento das diferentes enerxías renovables e ao mesmo tempo garantir o mix enerxético que nos poida facer competitivos desde o punto de vista industrial e tamén eficientes desde o punto de vista do impacto nas familias e nas pequenas e medianas empresas”.

COMPETITIVIDADE DO SECTOR INDUSTRIAL

O vicepresidente económico apuntou tamén a necesidade de “garantir que a través das enerxías renovables a nosa industria poida ter unha maior competitividade”, en relación co prezo da enerxía.

Entre os obxectivos estratéxicos da nova Axenda, que se está a consensuar cos principais axentes, atópase converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050; diminuír a dependencia enerxética do exterior potenciando os recursos naturais e incrementando a capacidade de xeración renovable; e impulsar a descarbonización fomentando o autoconsumo e o uso eficiente dos recursos. Do mesmo xeito, tamén se aposta por promover o talento e a colaboración público-privada, e construír unha industria eficiente e sustentable apostando pola economía circular e a formación.

Así, agárdase, de cara ao 2030, que as renovables representen o 84,8% da xeración de enerxía eléctrica (en 2020 representaban o 74,3%) e un 58% no consumo de enerxía final (fronte ao 46,2% do ano 2020); así como reducir a dependencia enerxética no exterior ao 39,3%.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid