Busca en nuestra página

— A Consellería de Economía, Industria e Innovación activará unha liña de axudas dotada con 10 millóns de euros para proxectos de pemes e con 5 millóns para os de grandes empresas.

— O programa contempla anticipos que poden chegar ata o 80%, en investimentos globais en infraestruturas que terán un límite máximo de 20 millóns de euros.

— A primeira edición desta iniciativa da Xunta impulsou en Galicia seis centros de fabricación avanzada no sector TIC, biotecnoloxía, loxística, turismo e agroalimentación.

— Trátase do centro de servizos avanzados da Cidade das TIC, na Coruña, do centro biotecnolóxico do Tambre, do centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, en Narón, de TurisTIC, en Vilagarcía de Arousa, dunha planta piloto de Inleit, en Curtis, e do centro de fabricación avanzada de lácteos de Acolat en Caldas de Reis.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación activará unha liña de axuda orientada á posta en marcha de novos centros de fabricación avanzada. O obxectivo é facilitar o desenvolvemento de iniciativas que redunden nunha mellora da competitividade territorial e empresarial de Galicia. En total, destínanse 15 millóns de euros.

Nunha primeira fase actívanse 5 millóns para proxectos de grandes empresas, reservándose o dobre (10 millóns) para un segundo prazo de solicitudes dirixido exclusivamente a pemes. Este programa impulsará o lanzamento de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización e consolidación da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

FÁBRICAS COMPARTIDAS

A activación desta primeira fase da convocatoria prodúcese tras constatar o interese de grandes empresas na consulta realizada ás compañías e demais operadores económicos galegos que puidesen estar interesados en acceder a unha liña de axudas destas características, centrada na posta en marcha de fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados.

Estas grandes empresas benefícianse, agora, dunha liña de apoios que atende aos investimentos en activos fixos materiais e inmateriais, desde a adquisición de inmobles, obras e reformas, ata maquinaria e bens de equipamento, e tamén outros activos fixos materiais incluíndo mobiliario e intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo. Cun límite máximo do investimento global para a creación da infraestrutura de 20 millóns de euros, o programa prevé anticipos que poden chegar ata o 80%.

LANZAMENTO DE SEIS CENTROS NA PRIMEIRA EDICIÓN

Trátase da segunda edición deste programa. Grazas á primeira, estanse a impulsar en Galicia seis centros de fabricación avanzada en sectores industriais diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario. En concreto, a Xunta achega 4,82 millóns para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector. Pola súa banda, o centro biotecnolóxico do Tambre recibiu unha axuda de máis de 4 millóns de euros para prover ao sector de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común.

A terceira infraestrutura é o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro que, cun apoio de 2 millóns de euros, estará situado en Narón e terá como obxectivo facilitar a realización de máis traballos con este material, como a reparación de buques.

No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, en Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, apoiouse a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4 millóns de euros para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade, e concedéronse 2,5 millóns á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis e pertencente a Clesa, para impulsar un centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid