Busca en nuestra página

— A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación resolveu a quinta convocatoria de InnovaPeme, que contribuirá á creación ou mantemento de 130 empregos.

— Un total de 18 plans de innovación empresarial desenvolveranse en concellos rurais ou con baixa densidade de poboación.

— Os sectores con maior número de pemes beneficiarias nesta edición son a industria agroalimentaria, a saúde e a cadea de valor das solucións dixitais.

— Desde o seu lanzamento en 2017, o programa InnovaPeme apoiou 192 proxectos e creou ou consolidou 900 empregos vinculados á innovación, cun orzamento de 16 millóns de euros.

— Para a maior parte das pemes apoiadas, esta iniciativa da Xunta supón o primeiro chanzo para consolidarse no futuro como firmas innovadoras de Galicia.

Un total de 32 micro, pequenas e medianas empresas galegas mellorarán a súa capacidade innovadora con apoios da Xunta de Galicia por preto de 2,4 millóns de euros grazas á súa participación no programa InnovaPeme. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación resolveu a nova edición -a quinta- desta convocatoria de axudas, que contribuirá á creación ou mantemento de 130 empregos.

Os apoios do InnovaPeme alcanzan o 50% do investimento subvencionable, polo que a mobilización final se aproximará aos 4,8 millóns de euros. Están dirixidos ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan a pequenas, medianas e microempresas o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos seus procesos de innovación, e que estean aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

Esta iniciativa acompaña ás empresas que comezan e impulsan a súa innovación, e así, 18 das pemes que obteñen apoio nesta edición non obtiveran nin participaran en axudas e incentivos fiscais á I+D+i nos últimos tres anos, e sete compañías son de recente creación. Ademais, cómpre sinalar que a metade dos beneficiarios son microempresas, e 18 dos plans desenvolveranse en concellos rurais ou pouco poboados.

Por sectores, a industria agroalimentaria é a que máis se beneficia nesta convocatoria, con 7 beneficiarios, seguida das empresas vencelladas á saúde e a cadea de valor das solucións dixitais. No desenvolvemento destas iniciativas contarase coa colaboración de 64 organismos de investigación e empresas facilitadoras de tecnoloxías.

O programa InnovaPeme consolídase como o incentivo das microempresas e das pemes. Desde a súa posta en marcha en 2017, esta iniciativa ten apoiado a 192 proxectos, contribuíndo á creación e mantemento de preto de 900 postos de traballo vinculados á innovación, cun orzamento de 16 millóns de euros. Catro de cada cinco empresas beneficiarias non tiña recibido unha axuda da Axencia Galega de Innovación desde a súa creación, polo que esta colaboración representa, para moitas delas, o primeiro chanzo de cara a consolidarse no futuro como firmas innovadoras en Galicia.

Os obxectivos son mellorar a capacidade de innovación das compañías participantes, aumentar a súa competitividade e tamaño de mercado a través de novos produtos ou servizos; potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en Galicia; e fomentar o investimento en I+D por parte das empresas, a transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente.

BONOS DE INNOVACIÓN

Esta iniciativa enmárcase no Programa de impulso á innovación nas pemes, dentro do cal se activaron outros apoios como os Bonos de Innovación, que se lanzaron por primeira vez este ano para apoiar a contratación de servizos externos que faciliten as actividades de innovación, a captación de fondos en convocatorias de concorrencia competitiva e o aproveitamento dos beneficios fiscais á I+D+i.

Dentro do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pequenas e medianas empresas, tamén se atopa o programa DeseñaPeme, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico; os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto ata o 30 de setembro-; ou o programa ReAcciona.

Este ano celebrouse tamén a iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta de Galicia para difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento. Este programa deu continuidade á iniciativa Camiño da innovación, celebrada en 2021, realizándose en total 32 encontros en localidades das catro provincias galegas que reuniron a máis de 1.000 asistentes.

Ademais destas actuacións de difusión, púxose en marcha o Boletín mensual de cultura innovadora, onde cada mes se explica unha metodoloxía de innovación e se presentan casos de éxito. Creouse tamén un curso online de iniciación e motivacións para innovar e estase a traballar, entre outras iniciativas, nun mapa de axentes de coñecemento do ecosistema para facilitar a transferencia ás pemes.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid