Busca en nuestra página

— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala que o proceso en marcha “debe ter en conta o impacto no emprego e no territorio e abrir novas oportunidades no ámbito industrial e enerxético”.

— Galicia, pioneira en desenvolvemento das renovables, cumpre xa os obxectivos fixados para 2030 e segue a traballar en novos retos como os ligados ao hidróxeno verde, biometano, centrais reversibles ou eólica mariña.

— Os membros da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo coñeceron enclaves estratéxicos de Galicia, entre os que salientan a central térmica das Pontes, o Porto Exterior de Ferrol, Navantia, Reganosa ou Alcoa.

— Durante a visita dos europarlamentarios, Conde demandou ao Goberno e a Endesa “certezas para os traballadores e transportistas” e para os proxectos industriais con capacidade para desenvolverse na zona.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañou esta semana a unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo na súa visita a Galicia para analizar os desafíos da transición enerxética e para coñecer de primeira man enclaves estratéxicos e referentes desta Comunidade nos sectores enerxético e industrial, como a central térmica das Pontes, o Porto Exterior de Ferrol, Navantia, Reganosa e Alcoa. Conde agradeceu a visita dos europarlamentarios resaltando que “na colaboración entre as diferentes administracións e o coñecemento sobre o terreo do proceso de transición enerxética é onde podemos seguir abordando os retos do futuro”. Lembrou ademáis o novo escenario internacional, no que “temos un reto no curto prazo que vén moi marcado polo prezo enerxético e polo tanto pola situación e o impacto nas familias e na propia industria”, pero sen descoidar que o reto a medio e longo prazo é como seguir avanzando en enerxías renovables que poidan substituír ás vinculadas con fósiles e hidrocarburos.

Neste sentido, apuntou que Galicia está sendo pioneira, cumprindo xa os obxectivos de desenvolvemento de renovables fixados para 2030, e que segue a traballar en novos retos industriais e enerxéticos, en ámbitos como o do hidróxeno verde, o biometano, as centrais reversibles ou a eólica mariña. O vicepresidente primeiro subliñou que isto permitirá unha diversificación das fontes e das tecnoloxías de xeración actuais, o que vai impulsar modelos de desenvolvemento non só industrial senón tamén noutros ámbitos como a economía circular ou a mobilidade sostible.

No propio acto de recepción á delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo que visitou Galicia, Francisco Conde salientou o compromiso da Xunta de “avanzar cara a neutralidade climática no ano 2050 cun proceso de transición que estea planificado, que sexa xusto desde o punto de vista do impacto no emprego e do impacto territorial e que abra novas oportunidades no ámbito industrial e enerxético”.

“CERTEZAS” PARA A CENTRAL DE AS PONTES

A segunda xornada de visitas dos europarlamentarios tivo como escenarios a central das Pontes e o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao. Na térmica galega, Conde demandou ao Goberno e a Endesa que trasladen “certezas” tanto aos traballadores e aos transportistas como aos proxectos industriais que teñen demostrado a súa capacidade para desenvolverse na zona, para a partir de aí poder traballar conxuntamente e darlles viabilidade.

Mentres, fixo fincapé en que “a única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700MW” e subliñou que a decisión do Goberno de pechar parcialmente a planta “supón unha evidencia da falta de rigor e da falta de planificación”, así como a constatación, tal e como apuntou sempre a Xunta, de que “efectivamente hai un problema de garantía de subministración” no proceso de transición enerxética.

Fronte a isto, o responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a Administración autonómica leva dous anos traballando e froito deste esforzo conta con proxectos industriais e enerxéticos de empresas concretas, entre as que citou a Sentury, Reganosa e EDP, e Ence. Insistíu en que o que se precisa por parte do Goberno e de Endesa é un calendario e prazos definidos para ver como se vai poder darlle viabilidade a eses proxectos. “O que non nos poden pedir nin á Xunta, nin ao concello, nin aos propios traballadores é un acto de fe” apuntou o vicepresidente económico, quen pediu “a máxima transparencia e a máxima sensibilidade cos traballadores, a industria auxiliar e os transportistas que son os principais afectados polas decisións do Goberno”.

A presenza en Galicia dos membros da comisión do Parlamento Europeo permitíu trasladar e proxectar unha imaxe clara da aposta galega polo desenvolvemento das enerxías renovables e pola neutralidade climática, e de que “estamos á vangarda de Europa nos proxectos industriais e enerxéticos, e traballando cara a unha economía máis verde e unha industria cada vez máis sustentable”, enfatizou Conde.

A xornada rematou cun percorrido dos europarlamentarios polo complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, onde coñeceron a única fábrica de aluminio primario que queda en España e que depende dun prezo eléctrico competitivo que permita a este tipo de empresas -que son grandes consumidoras de enerxía- afrontar con garantías o seu futuro e manter a súa actividade industrial e os postos de traballo que xera.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid