Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

Máis do 65% dos provedores da fábrica de fibras téxtiles serán pemes, nun proxecto tractor e transformador da economía e infraestruturas de Galicia

- O protagonismo das pemes concentrarase ademais en dous sectores estratéxicos do tecido produtivo galego, o forestal-madeira e o téxtil, así como na industria loxística.

- A planta, programada por Altri no concello de Palas de Rei, contribuirá a maximizar o impacto social, coa creación de 2.500 empregos entre directos e indirectos, e actuará como panca para a implantación de novas empresas.

- A Administración galega salienta que os beneficios da pegada industrial da fábrica de fibras téxtiles estenderá o seu radio de acción a toda a provincia de Lugo e ao conxunto da Comunidade galega.

- A Xunta acorda cos concellos máis directamente afectados principiar a colaboración para anticiparse ás necesidades do proxecto en materia urbanística, de servizos, de investimentos ou de formación.

- Francisco Conde salienta que o Goberno central debe asumir o seu compromiso de finalización de infraestruturas tan necesarias como a autovía Lugo-Santiago (A-54), a través dos fondos europeos Next Generation.

A fábrica de fibras textiles, proxectada pola empresa Altri en Palas de Rei, terá un efecto transformador sobre a economía e as infraestruturas, e revitalizará dous sectores estratéxicos para o sistema produtivo de Galicia como son o forestal-madeira e a industria téxtil. Nun recente encontro con alcaldes das comarcas de Chantada, A Ulloa e Lugo (Carballedo, Chantada, Taboada, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Friol e Guntín), o vicepresidente económico, Francisco Conde, destacou a pegada industrial que suporá a futura fábrica de fibras téxtiles e detallou que a previsión é que máis do 65% dos provedores sexan pemes, un dato de especial relevancia nun sector como o forestal-madeira, tendo en conta que 9 de cada 10 concellos galegos contan con empresas da industria da transformación da madeira

Conde subliñou que a magnitude do proxecto, que ademais vincula dous sectores estratéxicos para Galicia como o forestal e o téxtil, permitirá que o seu radio de acción chegue a toda a provincia de Lugo e a toda a Comunidade, exercendo un efecto tractor e transformador na economía e nas infraestruturas locais. A planta, programada por Altri no concello de Palas de Rei, contribuirá a maximizar o impacto social, coa creación de 2.500 empregos entre directos e indirectos, e actuará como panca para a implantación de novas empresas

Nun dobre exercicio de planificación e de anticipación, a Xunta acordou cos concellos máis directamente afectados o inicio dunha colaboración para identificar e adiantarse ás necesidades que a implantación da fábrica vai xerar en eidos como o urbanístico, os servizos, os investimentos necesarios ou a formación.

Por outra parte, o vicepresidente económico explicou que vai ser fundamental ter finalizadas infraestruturas tan necesarias como a autovía Lugo-Santiago (A-54), polo que se agarda que a planta actúe como revulsivo para adquirir un maior compromiso por parte do Goberno. Ademais é necesario que o Executivo central asuma o seu compromiso con este proxecto a través dos fondos europeos Next Generation.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia