Os programas de apoio ás empresas suman 135,5 millóns e contemplan investimentos directos e a concesión de préstamos e garantías.
As tres liñas de actuación son o reforzo do capital e os fondos propios, o acceso a instrumentos de débeda e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
O programa de Transformación Empresarial combinará financiamento e consultoría estratéxica para o impulso de proxectos de internacionalización e reforzo da competitividade.
A Axenda Financeira engade ademais préstamos para investimentos estratéxicos como a creación de novas instalacións, a mellora das ya existentes ou o incremento da capacidade produtiva.
Tamén se incorporan préstamos para financiar ás industrias afectadas pola alza do prezo das materias primas e subministracións como consecuencia da invasión rusa en Ucraína e créase unha liña de avais e outra de reavais que son específicas para as empresas afectadas pola guerra.
O Consello da Xunta avaliou a Axenda Financeira 2022, planificación estratéxica que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, define como “unha folla de ruta con diferentes programas de apoio ás empresas que suman 135,5 millóns de euros e cos que esperamos unha mobilización público-privada de 400 M€ “. Detalla que para acadar esta meta Galicia conta con distintas medidas englobadas en tres liñas de actuación: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
Deste xeito, a Axenda Financeira recolle investimentos directos na procura de reforzar o ámbito financeiro das empresas galegas, contribuíndo á reactivación da economía galega e á mellora da competitividade do tecido empresarial.
Así, no eido do capital póñense en marcha, entre outros, o programa de Transformación Empresarial. Conta cun orzamento de 30 millóns e combina financiamento e consultaría estratéxica incidindo no impulso de proxectos de internacionalización e no reforzo da competitividade a través da dixitalización e a innovación, o financiamento de proxectos de integración, a mellora de produtos e procesos, a profesionalización de equipos directivos e a reestruturación das sociedades.
En segundo lugar, a Axenda Financeira da Xunta de Galicia incorpora a concesión de préstamos para afrontar as posibles débedas do tecido empresarial galego. Así, contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír un de carencia.
PRÉSTAMOS PARA CUBRIR A ALZA DAS MATERIAS PRIMAS
Así mesmo, incorpóranse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia. Neste caso, as contías oscilan entre os 300.000 euros e o millón, contando tamén os tipos de xuro con bonificacións de ata o 1,5%.
AXUDAS DIRECTAS
O Goberno galego, a través do Igape, dependente da Vicepresidencia primeira, pon en marcha un ano máis os IFI Innova, que permiten financiamento de proxectos innovadores de pequenas e medianas empresas, con contías de entre 50.000 e 500.000 euros. Ademais, o tecido empresarial ten a súa disposición préstamos parcialmente reembolsables que, cun orzamento de 22 millóns, combinan o endebedamento e axudas para acometer un investimento determinado.
Co obxectivo de acadar unha mobilización final de máis de 36 millóns de euros, neste caso o beneficiario recibirá un préstamo como forma de apoio para poder acometer un investimento. No caso de executar en tempo e forma o proxecto de investimento para o que se solicite dito investimento, e de cumprir coas condicións para beneficiarse da axuda directa, unha parte do préstamo convértese en non reembolsable.
A terceira liña de actuación da Axenda Financeira oriéntase á concesión de garantías, onde destacan os programas de avais e de reavais do Igape. O primeiro conta con preto de 4 millóns para cubrir ata o 70% do risco da operación de financiamento á que se desexe acceder.
No caso dos reavais, en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, destínanse máis de 10 millóns de euros a garantías para acceder a capital circulante, a investimentos empresariais ou a operacións de tráfico nacional ou internacional. Neste campo, cómpre destacar unha liña específica de avais activada para atender ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína.