— Os dous primeiros son antigas explotacións de lousa situadas en Carballeda de Valdeorras, ás que se destinan 1,5 millóns de euros de fondos europeos para a súa reintegración ambiental.
— Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, subliña que un dos principais obxectivos da Axenda de Impulso da Minería Sostible é “facer do sector un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega”.
— Detalla que a recuperación de espazos mineiros e a valorización dos recursos xeolóxicos “son clave” para fomentar a sustentabilidade na minería galega.
— Galicia anticípase no planeamento da minería sostible e na súa modernización, en consenso co sector.
— O 8% da produción mineira de España ten a súa orixe en Galicia, cun volume económico de 246 millóns de euros en 2020.
— No caso concreto da industria da lousa, o peso das exportacións galegas equivale ao 70% do total nacional.
Dous antigos espazos mineiros ubicados no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, Pizarras Tranquila e Pena Pandela, serán os primeiros dos nove emprazamentos a restaurar dentro dun conxunto de actuacións orientadas á recuperación e á integración ambiental de explotacións mineiras.
Nunha recente visita a Valdeorras, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou que a Xunta de Galicia vai investir 1,5 millóns de euros de fondos europeos para a restauración dos dous citados espazos e cifrou en 3,6 millóns a actuación global nas nove zonas de intervención previstas. A iniciativa desenvólvese no marco dos fondos asignados polo Goberno central para a restauración de espazos mineiros.
O vicepresidente económico defende que o sector mineiro galego aposta por aproveitar de maneira racional, ordenada e eficiente os recursos cun mínimo de impacto ambiental. E, nesta liña, mantén que tanto a restauración de espazos mineiros como a valorización dos recursos xeolóxicos son clave para fomentar a sustentabilidade nesta industria.
O impulso da sustentabilidade no sector é precisamente un dos principais obxectivos da Axenda de Impulso da Minería Sostible que a Administración autonómica está elaborando en consenso co sector, afirmou Francisco Conde. Este planeamento estratéxico busca, desde a protección do medio ambiente, impulsar a innovación tecnolóxica e o talento; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega.
Na recente visita a Valdeorras, Conde mantivo un encontro con representantes do sector da lousa na comarca e visitou os terreos das dúas primeiras explotacións que van ser recuperadas, Pizarras Tranquila e Pena Pandela. Estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila.
No propio encontro cos representantes do sector da lousa en Valdeorras, a comarca galega que sustenta esta actividade, Conde apuntou que arredor do 8% da produción mineira de España sae de Galicia (246 millóns de euros en 2020). E, no que respecta á industria da lousa, sinalou que o peso das exportacións galegas a nivel nacional é do 70%.