— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliña a importancia da colaboración público-privada, reflexada no tecido empresarial de Lugo, nos socios estratéxicos da Xunta e nos centros tecnolóxicos e de coñecemento.
— Nesta edición a aceleradora ten un enfoque máis internacional e, como novidade, establece unha fase de consolidación para empresas galegas do sector con alta capacidade de expansión.
— BFAero aglutina ata agora 19 empresas participantes, 60 traballos vinculados e máis de 5 millóns de euros de investimento.
— Destinará 7,2 millóns en fondos públicos para apoiar a 25 empresas entre a actual e a seguinte convocatoria.
— No Polo Aeroespacial de Galicia estanse executando 84 millóns de euros de fondos públicos, dentro da nova estratexia aprobada para os vindeiros cinco anos.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago de Compostela na presentación da cuarta edición da Business Factory (BFAero) na que asegurou que o obxectivo é ensanchar o ecosistema xerado arredor do Polo Aeroespacial de Galicia. Na súa intervención, destacou que esta iniciativa é posible grazas á colaboración público-privada coa participación do tecido empresarial de Lugo a través da CEL e co apoio dos centros tecnolóxicos e de coñecemento e dos socios estratéxicos da Xunta de Galicia no Polo Aeroespacial.
A aceleradora -que xa contou ata a data con 19 empresas participantes, 60 traballos vinculados e máis de 5 millóns de euros de investimento mobilizado- destina 7,2 millóns en fondos públicos para apoiar a 25 empresas do sector entre esta convocatoria e a quinta. O obxectivo é seguir potenciando o ecosistema tecnolóxico no ámbito aeroespacial cun enfoque máis internacional e facer da BFAero un referente da UE de innovación aberta e disruptiva no sector. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 15 de agosto.
Cunha fase de incubación de 12 meses á que poderán acceder empresas en fase temperá que se atopen entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio e cunha fase de aceleración de oito meses para proxectos xa existentes con alta capacidade de crecemento, a principal novidade é o establecemento dunha nova fase de consolidación de catro meses dirixida a firmas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade de ata sete anos e que amosen capacidade de expansión.
Conde subliñou que esta iniciativa é unha importante panca de apoio para o Polo Aeroespacial de Galicia, no que xa se están executando 84 millóns de euros de fondos públicos dentro da nova estratexia aprobada para os vindeiros cinco anos. Un investimento ao que Galicia agarda poder sumar fondos europeos Next Generation que asigna o Goberno central para poder mobilizar un total de 540 millóns de euros ata 2025 se forma parte do Perte Aeroespacial.