— O comercio exterior galego non só recuperou o dinamismo previo á pandemia, senón que está a consolidar as cifras de récord e a intensificar o grao de apertura da economía e das empresas.
— Industrias clave como o téxtil (+60,6%), máquinas e aparellos mecánicos (+40,2%), metalurxia (+30,4%) e peixe, crustáceos e moluscos (+29,2%) imprimiron velocidade ao sector exterior de Galicia na primeira metade de 2022.
— A economía galega soubo combinar a subida da demanda nos mercados tradicionais e nos emerxentes, cun auxe exportador do 143% en Países Baixos, do 74% en Estados Unidos, do 69% en Oriente Medio ou do 44% no Reino Unido.
— Fronte a un déficit de 32.000 millóns de euros no conxunto de España, a balanza comercial galega logra o terceiro maior saldo positivo por comunidades, con 1.521 millóns de euros.
— Con obxectivo de seguir contribuíndo a estes resultados, a Xunta ten en marcha a Estratexia de Internacionalización de Galicia, baseada na aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
A internacionalización e a apertura exterior da economía galega xa transitan a maior velocidade que nos anos previos á pandemia, cando o sector exterior xa tiña un forte compoñente estratéxico en Galicia. No primeiro semestre de 2022, as exportacións galegas rexistraron un novo récord histórico, ao alcanzar os 14.406 millóns de euros de xaneiro a xuño, o que supón os mellores datos de vendas ao exterior para un primeiro semestre do ano e un 27,1% máis que no mesmo período de 2021, segundo os datos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salienta que Galicia ten unha mellor evolución que o conxunto do Estado (que rexistra unha suba do 24,8%) e precisa que as exportacións seguen a ser un importante elemento de dinamización da economía galega.
AUXE EN INDUSTRIAS CLAVE
No balance do primeiro semestre do ano destacan os incrementos en industrias clave como o sector téxtil, cun +60,6% en vendas ao exterior que no primeiro semestre do ano pasado; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +40,2%; a metalurxia, cun +30,4%; ou o peixe, crustáceos e moluscos, cun +29,2%.
No que respecta aos destinos xeográficos das vendas ao exterior das empresas galegas, sobresaen os incrementos rexistrados en Países Baixos, cunha suba do +143,1%; Reino Unido, cun incremento do +43,7%; Portugal, cun +39,8%; Alemaña, que rexistra unha suba do +31,7%; e Italia, cara a onde se exportou desde Galicia un +21,1% que no primeiro semestre do ano pasado. Fóra de Europa desmárcase a suba nas vendas a Estados Unidos, do +73,9%; ou a Oriente Medio, do 68,8%.
Cómpre salientar tamén que nos seis primeiros meses do ano a balanza comercial galega rexistra un saldo positivo de 1.521 millóns de euros, a terceira mellor rexistrada por unha comunidade en termos absolutos. A nivel estatal o déficit é de -31.963 millóns. En canto ás exportacións de xuño, a suba rexistrada foi do 50,1% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, case duplicando o crecemento rexistrado no conxunto de España, onde o incremento foi do 26,6%. Galicia sitúase así como a terceira comunidade cunha maior alza nas súas vendas ao exterior no último mes do que hai datos dispoñibles. Para seguir contribuíndo a estes resultados, a Xunta ten en marcha a Estratexia de Internacionalización de Galicia, que recolle como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. O fomento da innovación, a atracción de talento internacional, o acompañamento e a difusión dos casos de éxito son algunhas das liñas de actuación nas que xa se está a traballar para continuar a reforzar as exportacións galegas.