— Cun investimento de 12 millóns de euros, permitirá testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e coa biodiversidade.
— O Consello da Xunta acordou asinar o Protocolo Xeral de Actuación coa Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica para colaborar nun desenvolvemento das enerxías mariñas compatible coas actividades pesqueiras e coa preservación do ecosistema.
— Esta infraestrutura xeral de ensaio estará formada por dous ou tres aeroxeradores, terá unha potencia de 30MW e localizarase a 10 quilómetros da costa fronte ao porto exterior da Coruña.
— O Goberno galego espera optar con esta iniciativa tanto ás axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para as renovables mariñas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; como ao Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.
— A Xunta demanda o compromiso do Goberno Central para axilizar os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), en liña co posicionamento da Comisión Europea.
— A plataforma experimental de eólica mariña dá continuidade aos traballos do Observatorio da Eólica Mariña e enmárcase no Polo de innovación de enerxías mariñas e almacenamento enerxético de Galicia.
A Xunta de Galicia impulsará na Comunidade a primeira plataforma experimental de eólica mariña que permitirá testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. Trátase dunha das actuacións que recolle o Protocolo Xeral de Actuación que o Consello da Xunta acordou asinar coa Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España.
O obxectivo é estabelecer liñas de colaboración que contribúan ao adecuado desenvolvemento das enerxías mariñas en Galicia desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema. Ademais desta infraestrutura singular, tamén se incidirá na xeración de coñecemento e na elaboración de estudos.
Cun investimento de ao redor de 12M€, prevese que a zona experimental se localice a 10 quilómetros da costa fronte ao porto exterior da Coruña. Incluirá entre dous e tres aeroxeradores, polo que poderá acadar unha potencia total de 30MW. Este proxecto xorde dos traballos realizados no marco do Observatorio da eólica mariña e será unha das infraestruturas de referencia do Polo da innovación de enerxías mariñas e almacenamento enerxéifco no que traballa o Goberno galego.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia agarda optar tanto ás axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para as renovables mariñas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; como aos fondos do Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.
DELIMITACIÓN DAS ZONAS
A Administración autonómica agarda o compromiso do Goberno central e pide que presente canto antes os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), un asunto sobre o que a propia Comisión Europea ten solicitado que se axilice. Sen esta folla de ruta ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que o Goberno delimite estas zonas.
Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa, tendo o potencial de converterse nun referente neste ámbito, tanto desde o punto de vista da xeración de enerxía como do desenvolvemento asociado á tecnoloxía eólica mariña flotante. Sempre coa premisa do respecto e a compatibilidade co resto de actividades que xa se promoven no ámbito mariño.
Un adecuado desenvolvemento da tecnoloxía eólica mariña na nosa Comunidade pode supoñer unha oportunidade para un maior aproveitamento do potencial renovable de Galicia, un mellor posicionamento e mellora da competitividade das empresas e industrias galegas, e un reforzamento das actividades que xa se veñen desenvolvendo no mar.