— É persoal de xestión de transferencia que traballa en centros de coñecemento do sistema galego de innovación, como Fidis, CIM, Cinbio ou CITMAga
— As estadías en Oxentia, división de Oxford University Innovation, enmárcanse no programa Ignicia impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en colaboración coa Fundación Barrié
— O programa serve de nexo entre o gran potencial da ciencia excelente que se realiza en Galicia e o mundo empresarial, para converter a investigación en solucións de mercado útiles para a sociedade
— Na súa traxectoria de seis anos, Ignicia financiou con 10,2 millóns de euros 23 proxectos que permitiron crear ou manter máis de 80 postos de traballo de alta cualificación e poñer en marcha 9 spin-offs galegas.
A Xunta de Galicia organiza unha acción formativa que leva ao Reino Unido a dez profesionais da xestión da transferencia dos centros de coñecemento galegos co obxectivo de proporcionarlles formación práctica sobre estruturas de referencia internacionais que poidan aplicar nos procesos de valorización e transferencia que desenvolven en Galicia.
Estas estadías formativas enmárcanse dentro do programa Ignicia, unha iniciativa da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración coa Fundación Barrié, que potencia a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao tecido produtivo, impulsando así a competitividade da economía galega.
As dez persoas participantes nas estadías viaxan á sede de Oxentia, organismo que naceu como división de Oxford University Innovation, a entidade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, en dous grupos. O primeiro xa o fixo entre o 26 e o 30 de setembro, e o segundo farao do 17 ao 21 de outubro. Alí reciben formación especializada e contan con sesións de mentoría individualizadas para o desenvolvemento de proxectos de transferencia das súas respectivas entidades.
O persoal de xestión de transferencia galego que asiste ás estadías formativas conta coa certificación internacional RTTP (Registered Technology Transfer Professional) e traballa en centros de coñecemento do sistema galego de innovación, como a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis), o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), a Oficina de I+D da Universidade de Vigo, e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela.
COMUNIDADE CON MÁIS XESTORES CERTIFICADOS
Esta acción enmárcase no programa formativo con acreditación RTTP, que se desenvolve no marco do Ignicia. Galicia é a Comunidade Autónoma con maior número de xestores de transferencia certificados con este recoñecemento internacional.
Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa Ignicia, promovido pola Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, serve de nexo entre o gran potencial da ciencia excelente que se realiza en Galicia e o mundo empresarial para converter a investigación en solucións de mercado útiles para a sociedade.
Ignicia financiou desde o seu nacemento, a través da convocatoria Proba de Concepto, con 10,2 millóns de euros un total de 23 proxectos, contribuíndo á creación ou mantemento de máis de 80 postos de traballo de alta cualificación, e á posta en funcionamento de 9 spin-offs. Ademais, dentro do programa Ignicia lévanse a cabo procesos de valorización de materiais innovadores, organízanse formacións para persoal de xestión de transferencia e persoal investigador, así como encontros de transferencia e innovación, e realízanse estudos sobre aspectos relacionados con transferencia de coñecemento no Sistema Galego de I+D.