Busca en nuestra página

— Entre os desafíos destaca o fomento da iniciativa innovadora xeradora de actividade económica e emprego -prevese a creación de ata 600 postos de traballo vinculados ás novas compañías, que superarán unha facturación agregada de 70 millóns de euros-, e a mellora da posición competitiva de Galicia

— A nova axenda impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cun investimento de 15 millóns de euros, atende a dous eixos de actuación prioritarios: un centrado nas startups e outro nas medidas de promoción do ecosistema innovador

— Esta planificación busca favorecer a implantación das novas tecnoloxías no tecido empresarial galego e fomentar postos de traballo de calidade

— Crearanse novas ‘business factories’ que atendan ás actuais tendencias de aceleración de empresas centradas en campos como ‘foodtech’, ‘biotech’, ‘healthtech’, loxística ou as cadeas de subministracións

— Unha das novidades é a estrea do programa Coinviste de XesGalicia, pensado para fomentar investimentos privados en startups galegas mediante a captación de socios con acreditada solvencia económica, con capacidade tractora e cunha adecuada especialización en base tecnolóxica

— Tamén se activará o programa Erasmus Startup para conectar emprendedores no ámbito internacional a través da participación de startups galegas en iniciativas no exterior

— A Axenda 2022-2024 impulsará unha nova liña de Fomento de Emprendemento Feminino, enfocada á captación de mulleres que desenvolvan en Galicia proxectos centrados en retos tecnolóxico-territoriais específicos

A nova Axenda Startups Galicia 2022-2024 nace no marco da aposta do Goberno galego polo reforzo dun ecosistema que conxugue iniciativa empresarial e innovación, configurándose así como un motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia. Neste sentido, suma preto de 15 millóns de euros –en concreto, 14,7M€- para crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups neste período, favorecendo así que mellore a capacidade competitiva.

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, aposta por potenciar o ecosistema galego na procura de favorecer o crecemento das empresas de base tecnolóxica e de fomentar a creación de riqueza e emprego. De feito, prevese a creación de 600 postos de traballo vencellados ás novas compañías, ademais de facilitar unha facturación agregada das startups de 70 millóns durante os próximos dous anos.

Neste escenario, a nova Axenda estrutúrase a través de diferentes liñas, sumando 12 medidas e 28 actuacións en torno a dous eixos: un centrado nas startups, e outro, nas medidas de promoción do ecosistema innovador.

No primeiro destes eixos -no que se prevé a coordinación con outros organismos e programas da Xunta de Galicia para xerar un mapa de apoios e medidas de impulso completo-, contémplase, entre as principais accións, a posta en marcha de novas business factories que atendan as actuais tendencias de aceleración de empresas centradas en campos como foodtech, biotech, healthtech, loxística ou as cadeas de subministracións.

REFORZO DO MAPA GALEGO DE ACELERADORAS

Estas aceleradoras complementarán o mapa de aceleradoras de carácter innovador activado pola Xunta nos últimos anos e que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou saúde (BFMedicines); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFA; ou a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).

Outra das novidades da Axenda é a captación de investidores para potenciar o investimento público-privado nas startups galegas. Unha meta que se abordará a través do novo programa Coinviste de XesGalicia, pensado para fomentar investimentos privados en startups galegas a través da atracción de socios con acreditada solvencia económica, con capacidade tractora e cunha adecuada especialización en base tecnolóxica.

Así mesmo, porase en marcha, por primeira vez, o programa Erasmus Startup para conectar emprendedores no ámbito internacional a través da participación de startups galegas en iniciativas no exterior.

 

EMPRENDEMENTO FEMININO

O segundo eixo afonda na promoción do ecosistema innovador de Galicia. Neste sentido, aspírase, entre outros, a mellorar as condicións da contorna da muller, así como a incidir nas condicións facilitadoras no ámbito rural minorando as barreiras fronte ao urbano.

Neste campo destaca a posta en marcha da nova liña de Fomento de Emprendemento Feminino, enfocada á captación de mulleres emprendedoras que desenvolvan en Galicia proxectos centrados en retos tecnolóxico-territoriais específicos.

A través da nova Axenda o Goberno galego reforza a súa aposta pola iniciativa empresarial innovadora na procura de reactivar a economía e mellorar a competitividade. O obxectivo é facilitar o desenvolvemento das startups, aumentando o seu peso na actividade empresarial e posibilitando, así, a existencia dun tecido máis competitivo.

Deste xeito, refórzase o traballo xa desenvolvido ata o de agora, e que nos últimos seis anos ten permitido, a través da rede de aceleradoras promovida pola Xunta de Galicia, participar e apoiar a máis de 320 empresas, contribuír á creación doutras 153 novas compañías e xerar 900 empregos.

Así mesmo, XesGalicia suma nestes momentos máis de 34 millóns de euros do seu patrimonio asociado a startups, tendo preto de 80 millóns en carteira e máis de 12 millóns de fondos dispoñibles para novos investimentos nestas compañías.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid