— A compañía de mobiliario de cociña, referente no seu sector, quere desenvolver nestas novas instalacións os procesos de deseño e innovación de produto.
— Para a declaración de proxecto de interese autonómico, a Xunta valora a riqueza e creación de emprego que xerará na zona, así como a contribución no avance cara un novo modelo industrial.
— O Campus de I+D do Grupo Santos localizarase en Deseiro (Boqueixón), onde xa conta cunha parcela de 85.000 metros cadrados no polígono empresarial.
O proxecto do Campus de I+D do Grupo Santos en Boqueixón engádese aos que xa contan coa declaración de interese autonómico por parte do Goberno galego. O Consello da Xunta ven de outorgarlle esta condición, o que permitirá regular a súa implantación e fixar as condicións urbanísticas necesarias para o seu desenvolvemento.
O Grupo Santos -líder en España no sector do deseño, desenvolvemento, fabricación e comercialización de mobles de cociña- investirá 26,5 millóns de euros nesta iniciativa coa que prevé crear 815 empregos directos nos primeiros sete anos de actividade.
O campus de I+D localizarase en Deseiro (Boqueixón), onde o grupo conta cun terreo de 85.000 metros cadrados na zona do polígono empresarial e nunha situación estratéxica pola súa proximidade á autopista, así como a infraestruturas tanto aeroportuarias como ferroviarias.
DESEÑO E INNOVACIÓN DE PRODUTO
O obxectivo é que o grupo conte cunhas instalacións apropiadas para que os departamentos de deseño e desenvolvemento poidan dispor dunha contorna axeitada para o proceso creativo co fin de innovar en produto.
Tras a declaración -que se produce en coherencia cos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia e se fundamenta tanto na riqueza e creación de emprego que vai supoñer para a zona, como por supoñer un avance cara a un novo modelo industrial- iniciarase o procedemento para aprobar esta iniciativa como proxecto de interese autonómico.
Con esta declaración, a Xunta de Galicia segue amosando o seu compromiso e apoio ao desenvolvemento da actividade industrial e, especialmente, á súa transformación a través da aposta pola innovación.