. Enmárcanse dentro da Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, que inclúe o Galicia Exporta, o Foexga, o programa de xestores de internacionalización e as antenas comerciais, entre outras iniciativas
. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, precisou na inauguración da XII Semana Internacional Contract Galicia, en Muxía, que a Xunta destinará o próximo ano “máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial galego” para manter a puxanza en comercio exterior
. Lembrou que a Comunidade galega é un “referente internacional” no contract, que engloba a máis de 100 empresas galegas cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros
. Son firmas que están a deixar pegada con máis de 10.000 proxectos constructivos realizados en 600 cidades de todo o mundo, en especializacións como a construcción, arquitectura, interiorismo, iluminación, carpintería metálica, madeira e sector audiovisual
. Francisco Conde resalta que o contract “contribúe a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento” destas compañías
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou en Muxía, na inauguración da XII Semana Internacional Contract, que a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
Esta aposta enmárcase na Estratexia de Internacionalización de Galicia para o período 2021-2025, unha folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados, na que se inclúen iniciativas como Galicia Exporta, o Foexga, o programa de xestores de internacionalización, ou as antenas comerciais.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico da Xunta, Galicia é un referente internacional no contract, unha canle de distribución de produtos e servizos que se basea na cooperación empresarial. Hoxe máis de 100 empresas galegas de eidos como a construción, a arquitectura, o interiorismo, a iluminación, a carpintería metálica, a madeira ou o audiovisual participan nesta canle, cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros, e con máis de 10.000 proxectos construtivos realizados en 600 cidades de todo o mundo. Entre os clientes que depositan a súa confianza no contract galego atópanse cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons ou NH; Inditex, Hugo Boss, Carolina Herrera, Dior, Chanel ou Adidas, no eido do retail; ou grandes multinacionais como Banco Santander, Samsung ou KPMG.
EXPANSIÓN NO REFIT NAVAL
Na súa intervención, Conde reiterou o compromiso da Xunta coa canle contract, que, tal e como subliñou, contribúe a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento de compañías que continúan buscando a fórmula para ofrecer cada vez unha maior calidade e fiabilidade aos clientes. O responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que a Administración autonómica seguirá apoiando ao contract galego tanto desde o punto de vista das axudas para a internacionalización, como desde accións que melloren a visibilidade, formación e posicionamento. Neste sentido, avogou por afondar en novas oportunidades para favorecer a diversificación do sector, a través de mercados como pode ser o refit naval.
A XII Semana Internacional Contract Galicia, organizada pola Xunta a través do Igape, reúne a empresas do ramo e a prescritores para compartir a visión sobre o estado, tendencias e oportunidades de negocio en torno a este sector de actividade, de gran importancia para a economía galega. A primeira das xornadas celébrase no Parador de Muxía, considerado un exemplo de deseño e integración na paisaxe, ademais dun modelo de colaboración industrial e de empresas e profesionais galegos vinculados á canle contract.