- Logo da boa acollida da convocatoria de 2021, o obxectivo é atender todas as solicitudes de particulares, autónomos e pequenas empresas na adquisición de vehículos eléctricos e na instalación de puntos de recarga
- O prazo estará aberto ata o 31 de decembro de 2023 e a tramitación realizarase a través de 531 entidades colaboradoras: 167 concesionarios ou puntos de venda e 364 instaladores eléctricos
- As achegas para a compra de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible oscilarán entre un mínimo de 700 euros e un máximo de 9.000, mentres que as axudas para novas infraestruturas de recarga serán de entre o 30 e o 80% do custo subvencionable
- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta a aposta do Goberno galego por “promover unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente” e que contribúa “ao aforro da cidadanía ao reducir o consumo de combustible”
- Rueda precisou que a Xunta aspira a “mobilizar 200 millóns de euros, promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible” e reducir o impacto de CO2, grazas á ampliación solicitada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGeneration
- O programa Moves xa facilitou a concesión de 2.594 axudas en Galicia, por un importe total de 11,6 millóns de euros e cunha mobilización de máis de 77 millóns
- Das axudas concedidas ata agora, 2.121 foron para a adquisición de vehículos, cunha cuantía de 8,8 millóns, e 473 para a instalación de puntos de recarga, por 2,8 millóns
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a ampliación do Moves III, o programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que contará cun total de 40,5 millóns de euros. Deste xeito, Galicia duplica o orzamento dirixido ás axudas para que cidadáns, autónomos ou pequenos empresarios merquen vehículos eléctricos ou instalen puntos de recarga.
Rueda, que enmarcou esta iniciativa na aposta do Goberno galego por impulsar a mobilidade sustentable, resaltou que o programa Moves ten o dobre obxectivo de, por unha banda “promover unha mobilidade máis respectuosos co medio ambiente” e, por outra, “contribuír ao aforro dos cidadáns ao reducir o consumo de combustible”.
Conta cun orzamento de 40,5 millóns de euros e, segundo debullou o mandatario galego, con este programa aspírase a mobilizar “200 millóns de euros e promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible”, así como acadar unha redución de CO2.
O presidente da Xunta salientou a boa acollida e o “éxito” da convocatoria de 2021 e por iso defendeu que o Goberno galego solicitase a súa ampliación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration, co obxectivo de atender todas as solicitudes e seguir apoiando o maior número de beneficiarios posible.
MÁIS DE 2.500 AXUDAS CONCEDIDAS
Así, informou de que, nestes momentos, “xa se concederon un total de 2.594 axudas por un importe superior aos 11,6 millóns de euros e unha mobilización de máis de 77,4 millóns”. En concreto, outorgáronse 2.121 axudas para a adquisición de vehículos por 8,8 millóns de euros, e 473 para a instalación de puntos de recarga por 2,8 millóns.
As persoas interesadas poden seguir presentando as súas solicitudes, que se tramitarán a través das 531 entidades colaboradoras adheridas: 167 concesionarios ou puntos de venda de vehículos e 364 instaladores eléctricos. O prazo de presentación, segundo concretou o presidente da Xunta, estará aberto ata o 31 de decembro de 2023.
DÚAS LIÑAS SUBVENCIONABLES
Alfonso Rueda explicou que a primeira liña de axudas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible e as achegas “oscilan entre os 700 como mínimo e os 9.000 euros como máximo” por vehículo e en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Aclarou ademais que os particulares só poden dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte ós 30 de límite na anterior edición–.
O mandatario galego afondou tamén na segunda liña do Moves III. Así, indicou que se dirixe á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante (autónomos, particulares, comunidades de propietarios, administracións ou empresas), potencia, ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes. Deste xeito, salientou como “novidade, que a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40 %”.
As axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.
As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 5 millóns de euros para apoiar un total de 1.000 proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, apoiouse a adquisición de preto de 2.500 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.