Busca en nuestra página

— O plan de empresa conta mobilizar un investimento de 176 millóns de euros e crear 40 empregos directos

— Nun proceso de auténtica economía circular, a planta producirá metanol verde a partir do dióxido de carbono capturado nas actuais instalacións de Forestal del Atlántico e mediante hidróxeno producido por electrólise con enerxía eléctrica de orixe renovable

— Ademais obterase osíxeno verde, que se licuará e almacenará para a súa comercialización

— Está prevista a fabricación de 40.000 toneladas anuais de metanol verde e máis de 60.000 de osíxeno

— Como aspecto innovador da planta salienta o aproveitamento do CO2 e a substitución da materia fósil empregada na fabricación de metanol por materias primas renovables, como o hidróxeno verde

— A iniciativa Triskelion foi un dos 15 proxectos europeos -entre máis de 200- que obtivo financiamento nos Innovation Fund para o programa de asesoramento do Banco Europeo de Investimentos.

— E no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia opta ás axudas do Perte do hidróxeno.

— A aprobación como proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

— Como terceiro proxecto con esa declaración, engádese á dúas iniciativas con foco nas Pontes: a planta de hidróxeno verde e a factoría de Sentury Tire.

O Consello da Xunta aprobou a declaración do terceiro proxecto industrial estratéxico de Galicia. Trátase da iniciativa promovida por Forestal del Atlántico para a implantación dunha planta de metanol verde en Mugardos.

Cun investimento de 176 millóns de euros e a previsión de crear 40 empregos directos tras a posta en marcha das instalacións, o proxecto Triskelion contribuirá á descarbonización do sector industrial galego.

O obxectivo principal do proxecto é a fabricación de metanol verde a partir de dióxido de carbono capturado nas actuais instalacións da empresa, e de hidróxeno producido por electrólise da auga utilizando enerxía eléctrica de orixe renovable. Obterase tamén no proceso osíxeno que se licuará e almacenará para a súa comercialización.

As instalacións industriais proxectadas prevén a fabricación de 40.000 toneladas anuais de metanol verde e ata 61.100 toneladas anuais de osíxeno. Contará cunha planta de captación de CO2, outra para a fabricación de hidróxeno verde e un centro de fabricación de metanol verde a partir tanto do CO2 captado como do hidróxeno obtido. A produción que se alcance permitirá cubrir a demanda enerxética da propia compañía e destinar parte para a súa venda directa como materia prima de cara á fabricación de biocombustibles.

INNOVACIÓN DE PROCESO

Os principais aspectos innovadores do proxecto son a substitución da materia fósil utilizada na fabricación de metanol por materias primas renovables, como o hidróxeno verde, e o aproveitamento de elementos como o CO2. Tamén destaca a integración de tecnoloxías actualmente existentes, combinadas nun novo proceso de fabricación que permitirá poñer ao dispor do mercado un novo produto, o metanol verde, así como os propios produtos resultantes do proceso, como o osíxeno verde, nunha verdadeira experiencia de economía circular.

Este proxecto foi un dos 15 europeos (de entre máis de 200) que obtivo financiamento nos Innovation Fund para o programa de asesoramento do Banco Europeo de Investimentos (Project Development Assistance). No ámbito dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, opta ás axudas do Perte do hidróxeno (programa de axudas á cadea de valor do Hidróxeno Renovable).

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

A iniciativa súmase á declaración tamén como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; e á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén nas Pontes. Entre as tres suporán unha mobilización global de máis de 863 millóns de euros e a creación de ao redor de 850 empregos.

A planta de Forestal del Atlántico cumpre con dous dos requisitos que permiten declarar a proposta como proxecto industrial estratéxico: un volume de investimento mínimo de 20 millóns de euros; e complementar cadeas de valor e pertencer a un sector considerado estratéxico e aliñado cos obxectivos da Unión Europea ou que se integra no financiamento Next Generation.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid