.Alfonso Rueda destaca que a nova planificación contribuirá “a fortalecer a competitividade” da minaría galega, que por dimensión e aportación “non pode quedar ao marxe da transición ecolóxica”
.O presidente da Xunta lembra que a industria das materias primas xoga un “papel clave” como provedora de sectores estratéxicos de Galicia, desde a automoción ou o téxtil ata a construción e a electrónica
.A Axenda xurde dun traballo consensuado co sector e dá resposta ás súas necesidades en materia de dixitalización, formación ou innovación
.Establece incentivos para as pemes en modernización tecnolóxica 4.0 e tamén en sustentabilidade e seguridade, impulsará novos ciclos formativos como o da pedra natural e promoverá a dixitalización administrativa
.Un dos grandes eixes de actuación busca fomentar o acceso de mulleres ao sector das industrias extractivas, así como a incorporación da mocidade
O Goberno galego vai pór en marcha a Axenda da Minaría Sustentable de Galicia 2030, unha nova ferramenta a modo de folla de ruta que está consensuada co sector e que busca “fortalecer a competitividade sectorial de xeito sostible” e converter a minaría “nun aliado estratéxico doutras industrias fundamentais” na Comunidade, tal e como explicou o presidente da Xunta.
Alfonso Rueda destacou que a minaría galega “non pode quedar ao marxe da transición ecolóxica” que está a vivir todo o tecido industrial e, por iso, Galicia porá en marcha por primeira vez esta Axenda que “estará dotada de 32 millóns de euros ata 2024”.
Esta folla de ruta, segundo explicou o presidente, busca facer do sector mineiro un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de xeito sustentable coas materias primas autóctonas. De feito, a industria das materias primas minerais ten “un papel clave” como provedora de sectores estratéxicos de Galicia en que se pretende avanzar cara a un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada, como pode ser “a automoción, o téxtil, a electrónica ou a construción”, destacou.
De xeito paralelo, fortalecerase a competitividade da minaría a través dun proceso sustentable de innovación tecnolóxica e de crecemento empresarial que permitirá xerar riqueza e emprego.
DIXITALIZACIÓN, FORMACIÓN E INNOVACIÓN
Para alcanzar os seus obxectivos, a Axenda marca tres obxectivos estratéxicos, nove eixes de actuación e un total de 29 medidas concretas que dan resposta ás necesidades do sector en materia de dixitalización, formación ou innovación. Así, os tres obxectivos son alcanzar a modernización e o crecemento do sector da minaría en Galicia de xeito sustentable; o fortalecemento do talento humano e da responsabilidade social; así como lograr a integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro.
En canto aos eixes de actuación, preténdese, en primeiro lugar, avanzar na dixitalización da administración mineira para favorecer tanto a tramitación como a accesibilidade, así como impulsar plans de labores dixitais e o Portal galego de administración mineira.
En segundo termo, tamén se vai promover a dixitalización das empresas e a innovación. Farase a través de incentivos económicos para pemes no eido da modernización tecnolóxica e da mellora da seguridade industrial a través de tecnoloxías 4.0; así como coa creación dunha oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos de investigación, innovación e modernización.
O terceiro eixe céntrase na mellora da sustentabilidade sectorial a través de incentivos económicos, e tamén na procura de financiamento para promover a restauración mineira e a realización de actividades turísticas. Neste eixe tamén se inclúe a promoción do sector das augas minerais e termais e o fomento de sistemas de xestión mineira sustentable e economía verde.
En cuarto lugar, apostarase pola valorización dos recursos ecolóxicos fomentando o estudo, exploración e investigación técnica dos recursos naturais, xeolóxicos e mineiros, así como a investigación de materias críticas existentes en Galicia e o seu potencial.
A valorización económica será o quinto eixe e prevé actuacións como a creación dun grupo de traballo permanente cos sectores estratéxicos ou a creación dun portfolio cos recursos naturais dispoñibles en Galicia. As medidas para mellorar a seguridade e saúde laboral ocuparán un lugar destacado con incentivos para impulsar proxectos tecnolóxicos que axuden a reducir accidentes e para outros aspectos relacionados coa prevención de riscos laborais.
CAPITAL HUMANO
O capital humano protagoniza o sétimo eixe, que se centra tanto na mellora formativa, con novidades como a implantación de novos ciclos medios técnicos en escavacións e sondaxes e pedra natural; na igualdade a través dun plan para a formación e o acceso de mulleres ao sector das industrias extractivas; así como na incorporación da mocidade.
Os dous últimos eixes están enfocados na comunicación e difusión a través de foros; e na gobernanza, coa creación dun comité executivo de desenvolvemento mineiro, entre outros aspectos.
Con esta Axenda, tal e como resaltou Rueda, a Xunta busca apoiar “un sector estratéxico como o mineiro” cunha produción anual por riba dos 246 millóns de euros -“case o 10% da produción mineira estatal”, resaltou- e do que “Galicia é líder nacional en materiais como a lousa, o granito, o cuarzo e as rochas ornamentais”.
Ademais, as distintas medidas tamén pretenden reforzar o seu valor social, xa que se trata dun sector no que as pemes e as familias teñen un gran protagonismo e un efecto multiplicador na economía e o emprego do rural, contribuíndo a fixar poboación.