Busca en nuestra página

— Está dotada con medio millón de euros e ten como obxectivo fortalecer as agrupacións empresariais de recente creación como impulsoras da innovación, da competitividade e do desenvolvemento sostible da industria e dos servizos

— A liña aberta pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá sufragar o 80% dos gastos, cun máximo de 100.000 euros por entidade

— Este programa conecta coa visión dos clústeres como pancas estratéxicas no xurdimento de proxectos innovadores e no proceso da transformación dixital

— A primeira edición, en 2021, permitiu promover iniciativas da Asociación Clúster da Biomasa de Galicia, do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia e do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular

O Consello da Xunta avaliou a próxima activación dunha nova liña específica de axudas que ten por obxectivo reforzar a actividade dos clústeres galegos de nova creación. Esta medida busca impulsar a competitividade do tecido empresarial galego, fomentando a innovación e o desenvolvemento sostible da industria e dos servizos.

Dotada con medio millón de euros, a iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación contribúe ao fortalecemento das agrupacións empresariais de recente creación para que mobilicen máis recursos. Ademais, reforza o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de actividade de especial valor no contexto e tendencias económicas actuais e nos que actualmente non existen estruturas consolidadas.

Mediante este programa, os novos clústeres poñerán en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo. Deste xeito, as axudas darán soporte ao papel dinamizador que estas entidades teñen na actividade económica de Galicia.

O procedemento de concesión dos apoios farase polo réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, os apoios serán do 80% dos gastos, cun máximo de 100.000 euros por entidade, e prevense pagamentos a conta por un máximo do 80% da axuda concedida.

Deste xeito, as axudas pretenden consolidar as agrupacións empresariais como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia. Tamén favorece a promoción de novos ámbitos de negocio transversais, especialmente os centrados na economía circular.

APOIOS POR 11,5 MILLÓNS DE EUROS DESDE 2016

O programa dá continuidade á convocatoria do ano 2021, que supuxo a primeira edición destas bases de apoio a estruturas emerxentes e que permitiu promover proxectos da Asociación Clúster da Biomasa de Galicia, do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, e do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular. Así mesmo, complementa os apoios achegados pola Xunta de Galicia aos clústeres xa consolidados, que contan cunha liña de axudas desde 2016 que leva mobilizados máis de 11,5 millóns de euros.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid