Busca en nuestra página

— Pasa a formar parte da Estratexia Naval de Galicia 2022-2026, que ten o reto de que a Comunidade sexa líder na asignación de fondos do Perte, e que as empresas galegas leven a termo os seus proxectos de maneira eficiente e sostible

— A nova oficina técnica promoverá o desenvolvemento de iniciativas tractoras para a economía galega que permitan xerar crecemento, emprego e competitividade

— As iniciativas prioritarias para recibir o asesoramento de Conecta Naval serán as relacionadas coa innovación e diversificación de produto –en especial coa descarbonización e as enerxías alternativas-, e coa sustentabilidade produtiva, a competitividade e a aplicación de novas tecnoloxías

— O naval súmase ós outros tres sectores –agroalimentación, saúde e automoción- que xa contan con oficinas técnicas para facilitar o acceso do tecido empresarial aos fondos europeos

— A Xunta agarda que se active canto antes o Perte naval e lembra que o compromiso do Executivo central fixaba a data no mes de novembro

— A Estratexia Naval de Galicia tamén inclúe un programa de axudas a fondo perdido para investimentos produtivos en estaleiros, o primeiro destas características no sector industrial

— No ámbito da formación xa está en marcha un plan específico, en colaboración con Asime e Aclunaga, que formará a máis de 2.000 persoas e que pon o foco nas nove profesións máis demandadas

— A industria naval engloba en Galicia a máis de 320 empresas, que xeran 11.500 empregos directos e un volume de negocio de máis de 2.000 millóns de euros, o equivalente ao 3,4% do PIB galego

A Xunta de Galicia, en colaboración con Pymar, pon en marcha a oficina técnica Conecta Naval para asesorar ás pemes sobre os fondos europeos dirixidos ao sector, con especial atención ao Perte Naval. O obxectivo é impulsar así a innovación, a internacionalización e a mellora competitiva dunha das principais industrias da comunidade, facilitando para acadar esta meta a posta en marcha de diferentes proxectos nos que participen o maior número posible de pequenas e medianas empresas.

A oficina configúrase como unha canle con información relevante que brinda ás firmas galegas o apoio necesario para que os proxectos conten coa maior probabilidade posible de éxito na captación dos fondos europeos. Neste sentido, a meta é que Conecta Naval converta a Galicia en líder na asignación de fondos do Perte Naval, e que as empresas galegas leven a termo os seus proxectos de maneira eficiente e sostible.

Deste xeito, promoverase o desenvolvemento de proxectos tractores para a economía galega que permitan xerar crecemento, emprego e competitividade. As iniciativas prioritarias para recibir o asesoramento serán aquelas relacionados coa innovación e diversificación de produto -prestando especial atención á descarbonización e á procura de enerxías alternativas-, coa sustentabilidade produtiva, a competitividade e a aplicación de novas tecnoloxías.

O Goberno galego segue así a dar pasos importantes na procura de facilitar ao tecido empresarial o acceso aos fondos europeos. De feito, a iniciativa súmase ás oficinas técnicas xa postas en marcha no eido do sector agroalimentario (a través dun convenio con Clusaga), da saúde (a través dun convenio con Clúster da Saúde) e da automoción (a través de Ceaga).

PASO PRIORITARIO NA ESTRATEXIA NAVAL 2022-2026

Así mesmo, a activación de Conecta Naval supón un paso prioritario no desenvolvemento da Estratexia Naval de Galicia 2022-2026, activada este mesmo ano polo Goberno galego de cara a reforzar e xerar sinerxías e posicionar á Comunidade ante o mencionado Perte do sector.

Neste sentido, a Xunta de Galicia espera que o Goberno active canto antes o Perte. O último compromiso do Executivo central foi activar estes fondos europeos no mes de novembro, polo que o Ministerio de Industria debe dar un paso adiante e aprender dos erros cometidos en Pertes anteriores como o da automoción.

O obxectivo da Estratexia, e de Conecta Naval, é facilitar o acceso a estes fondos, sentando as bases sobre as que promover a recuperación e o crecemento do naval que suma, en Galicia, máis de 320 empresas e 11.500 postos de traballo directos -cifra que ascende aos 23.700 contando cos indirectos-, e que representa o 3,4% do PIB galego.

LIÑA A FONDO PERDIDO

Neste sentido, no marco da propia Estratexia estanse a adoptar xa outras medidas, entre as que destaca a próxima activación dunha liña de axudas para investimentos produtivos en estaleiros. Trátase da primeira destas características da que disporá a industria, superando, deste xeito, as limitacións legais vixentes desde a época da reconversión naval.

Ademais, activarase unha nova liña en colaboración coas asociacións empresariais do sector, para a implantación por parte de empresas auxiliares e estaleiros de iniciativas que permitan a medición e acreditación das mellores prácticas no ámbito da sustentabilidade e da economía circular.

Estas accións estanse a complementar con outras centradas no eido da formación. Neste marco, está en marcha xa un plan formativo específico, levado a cabo en colaboración con Asime e Aclunaga, co obxectivo de dar formación a máis de 2.000 persoas.

Un traballo que se renovará o vindeiro exercicio adaptando o novo plan formativo aos resultados acadados, e orientándoo cara as profesións máis demandadas do sector: soldador naval, caldeireiro/armador naval, tubeiro naval, electricista naval, mecánico-axustador naval, habilitador naval, especialista en tratamento de superficies, andamieiro e gruista.

Así, a Estratexia Naval segue a dar os pasos necesarios para consolidar a experiencia, a capacidade e os medios técnicos dunha das principais industrias da Comunidade, activando as accións necesarias para o seu crecemento e diferenciación sobre a base dunha axenda integral e consensuada cos axentes do sector. En Galicia existen máis de 320 empresas enmarcadas na industria naval que manteñen máis de 11.500 postos de traballo directos, que xeran uns ingresos de máis de 2.000 millóns de euros e que representan o 3,4% do PIB.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid