Busca en nuestra página

— Para a ampliación e modernización de servizos, a Xunta habilitará en 2023 unha convocatoria de mellora de infraestruturas cun orzamento de 2,1 millóns

— Os municipios galegos, e prioritariamente os Concellos Emprendedores, pasan a contar cunha nova liña para mellorar a iluminación, depuración de augas, xestión de residuos, viais, subministración de gas ou hidróxeno verde e para instalacións de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable

— O obxectivo é favorecer a fixación e implantación de compañías nos parques e viveiros industriais de Galicia, así como estimular o emprego local

— Desde 2016, os apoios da Xunta para a modernización e renovación de infraestruturas dos parques empresariais sobrepasa os 17 millóns de euros.

— Ademais das axudas para os concellos, o Goberno galego destinará o vindeiro ano 3,5 millóns á posta en marcha de sete viveiros industriais e ao reforzo e extensión das redes de distribución en tres polígonos

O Goberno galego reforza o seu compromiso coa mellora dos parques empresariais da Comunidade que recibirán, en 2023, un total de 5,6 millóns de euros para a mellora das súas infraestruturas , servizos e para a creación de novos viveiros industriais.

Deste xeito, o Goberno galego ten previsto publicar en decembro a nova convocatoria de mellora de infraestruturas á que destinará un total de 2,1 millóns. Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que presentan estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

LIÑA DE AXUDAS CON INTENSIDADE DO 80%

As axudas terán unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros nos caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

Desde o ano 2016 -a falta do dato definitivo de 2022- xa se executaron máis de 17 millóns de euros en apoios para a modernización e renovación de infraestruturas nos parques empresariais. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como o de ser Concello Emprendedor.

Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Xunto con estes apoios dirixidos aos concellos, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os concedidos para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos, que contarán cun crédito de 3,5 millóns de euros.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid