Busca en nuestra página

— O investimento inicial está cifrado en 3,7 millóns de euros, para unha iniciativa que dará continuidade á Unidade Mixta sobre o Estaleiro 4.0 iniciada en 2015

— O novo centro de investigación terá entre as súas prioridades o desafío técnico e industrial das fragatas F-110

— A colaboración entre UDC, Navantia e Xunta suporá unha transferencia de coñecemento e de talento á industria

— Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, enxalza o rol do Campus de Ferrol como Campus Industrial coa implantación de novas instalacións e como futura sede do Centro de Investigación en Industria Intelixente

— O centro UDC-Navantia será clave para impulsar a dixitalización e a innovación no sector e supón unha credencial para optar ao Perte do naval

— Súmase aos outros dous centros que contan co pulo da Xunta: o de Magna-CTAG e o de Cetaqua-Viaqua

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do centro de investigación UDC–Navantia, apoiado pola Xunta de Galicia, e que comeza a súa andadura cun investimento de 3,7 millóns de euros e o obxectivo de avanzar na transformación dixital do sector cara ao estaleiro 5.0.

Conde explicou que este marco de colaboración estable xurdiu xa en 2015 coa Unidade Mixta sobre o Estaleiro 4.0, un traballo que tamén contou co apoio do Goberno galego e que proseguirá con este novo centro poñendo o foco no desafío técnico e industrial que supoñen as fragatas F-110, na transformación dixital do estaleiro, no desenvolvemento do xemelgo dixital, na integración das TIC aos postos de traballo ou na posta en marcha dunha planta de desenvolvemento de todas estas tecnoloxías.

CAMPUS INDUSTRIAL

O vicepresidente económico destacou que esta colaboración entre a UDC e Navantia supón unha transferencia de coñecemento e de talento á industria e reivindicou a importancia do Campus de Ferrol, como Campus Industrial, a través da implantación de novas instalacións ou como futura sede do Centro de Investigación en Industria Intelixente.

Con esta iniciativa séguese xerando un ecosistema científico-tecnolóxico e académico vinculado co naval, unha peza fundamental para impulsar a dixitalización e a innovación no sector e que supón unha credencial para optar ao Perte do naval e aproveitar as oportunidades.

O centro de investigación UDC-Navantia é un dos tres que a Xunta de Galicia apoiará xunto cos de Magna-CTAG e o de Cetaqua-Viaqua.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid