— A Casa de Galicia acolleu un encontro entre prescritores e empresas certificadas de sectores como a alimentación, o turismo, a xoiería, a horticultura ornamental ou a xeotermia
— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, definiu os produtos das marcas que empregan o selo de garantía Galicia Calidade como “unha forma de reivindicar o saber facer da Comunidade en eidos como o agroalimentario, o industrial ou o sector servizos”
— Galicia Calidade certifica na actualidade máis de 750 produtos de preto de 150 compañías
— O encontro `Con selo Galicia´ incluíu charlas-coloquio sobre turismo sustentable e industria con selo Galicia Calidade, e un túnel de viños con participación de 17 adegas
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reivindicou en Madrid os valores da marca Galicia Calidade para abrir novos mercados ao tecido empresarial galego.
Conde participou no encontro `Con selo Galicia´, celebrado na Casa de Galicia e que contou coa participación dalgunhas das empresas máis representativas que levan este selo, pertencentes a sectores como a alimentación, o sector turístico, a xoiería, a planta ornamental ou a xeotermia. En total, Galicia Calidade certifica máis de 750 produtos de preto de 150 compañías.
Segundo o vicepresidente económico, este encontro serve “para trasladar desde Madrid a importancia que ten Galicia Calidade e os produtos das marcas que utilizan este selo de garantía, que é unha forma de reivindicar como desde Galicia estamos traballando en todos os sectores” e o “saber facer” da Comunidade en eidos como o agroalimentario, o industrial ou o sector servizos.
O programa do encontro, no que participaron diferentes prescritores, incluíu unha exposición de xoiería; dúas charlas-coloquio, unha sobre turismo sustentable en Galicia e outra sobre industria con selo Galicia Calidade; ademais de diferentes degustacións e showcookings e un túnel de viños coa asistencia de 17 adegas que forman parte do selo Galicia Calidade.