Busca en nuestra página

— Consolidará a Galicia como “referente en materia de biotecnoloxía”, ao complementar a cadea de valor deste sector estratéxico, salienta Alfonso Rueda.

— A planta galega de Indukern incluirá laboratorios de análise e de I+D+i para o deseño de futuros fármacos, o que conecta de cheo coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

— O presidente da Xunta detallou que o investimento inicial de 33 millóns de euros destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos.

— A declaración de iniciativa empresarial prioritaria enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, o que na práctica supón reducir á metade os prazos de tramitación.

— Coa planta farmacéutica de Monforte de Lemos, elévanse a 18 os proxectos que reciben esta declaración, cun investimento conxunto de 1.275 millóns de euros.

O proxecto de Indukern para impulsar a instalación dunha planta de fabricación de inxectables en Monforte de Lemos, en terreos do polígono industrial O Reboredo, continúa avanzando na fase de tramitación previa á execución do investimento e ven de ser declarado iniciativa empresarial prioritaria polo Consello da Xunta. Deste xeito, dase un paso máis para “contribuír a consolidar Galicia como un referente en materia de biotecnoloxía”, salienta o Goberno galego.

Rueda resaltou que nesta nova planta “fabricaranse medicamentos de uso humano” e precisou que albergará tamén un laboratorio de I+D+i para deseñar “futuros fármacos”. En concreto, cun investimento de 33 M€ na fase inicial e 59,4 M€ en total, o novo centro destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado como ampolas, viarias e xiringas precargadas dependendo do seu uso e tipoloxía de produto.

Elaboraranse medicamentos e realizaranse procesos de apoio como servizos asociados á produción, loxística e administración. O proxecto iniciarase cunha liña de produción de inxectables e coa posibilidade de expansión a catro liñas máis de produción. Tamén se incluirán oficinas para o control da propia planta e laboratorios de análise e desenvolvemento de I+D+i para futuros fármacos, polo que se aliña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia complementando a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, unha industria estratéxica na Comunidade Autónoma.

 

Almacén loxístico de Kern Pharma en Tarrasa (Barcelona)

MÁIS IMPULSO PARA A BIOTECNOLOXÍA GALEGA

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, en concreto supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (serán 33 M€ na primeira fase e 59,4 en total); a creación de 62 empregos na primeira fase; así como complementar cadeas de valor ou pertencer a sectores estratéxicos como é, neste caso, a biotecnoloxía.

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Deste xeito xa son 18 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas. Están lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda) e Kern Pharma (Monforte de Lemos).

INVESTIMENTO DE 1.275 MILLÓNS EN PROXECTOS PRIORITARIOS

“Estas 18 iniciativas contan cuns investimentos previstos de 1.275 M€”, indicou Alfonso Rueda. A figura das iniciativas empresariais prioritarias busca potenciar novas oportunidades industriais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid