Busca en nuestra página

―  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, detallou os dous novos incentivos para o tecido empresarial galego no networking Galicia Empresa que tivo lugar en Valdeorras

― A primeira liña destina 1,5 millóns para promover procesos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos, e a segunda son préstamos directos que suman 18 millóns de euros

― Francisco Conde avoga pola colaboración entre administracións, así como co tecido produtivo, para abrir novas oportunidades que logren atraer investimentos

― Salientou ademais a contribución que fan os Concellos Emprendedores, dos que forman parte O Barco e Carballeda de Valdeorras, á hora de facilitar a implantación de novos proxectos empresariais

― No networking con empresarios valdeorreses transcendeu a boa evolución do comercio exterior de Ourense, cun crecemento do 21,5% en exportacións de xaneiro a novembro, ata 1.333,2 millóns de euros.

― Conde lembrou que Valdeorras, a “capital do sector da lousa”, concentra o 90% da produción, con 2.400 postos de traballo vinculados en toda Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou da convocatoria de dúas liñas de axudas para apoiar o tecido empresarial galego en proxectos de economía circular e con préstamos directos.

Durante a súa participación nunha xornada de networking en colaboración coa Asociación de Empresarios do Barco de Valdeorras, Conde explicou que a primeira destas liñas de apoios, para promover procesos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos, suma 1,5 millóns de euros e está aberta desde este mes. Achega axudas máximas de ata 200.000 euros para proxectos colectivos e de 75.000 euros para iniciativas individuais.

Por outra banda, a segunda liña son préstamos directos que suman 18M€ e que, desde este mes, a Xunta pon á disposición de pemes, autónomos, centros tecnolóxicos, fundacións e organizacións empresariais. Teñen como obxectivo financiar investimentos estratéxicos e tamén axudar á industria fronte ao incremento do custo das materias primas e a enerxía.

CONCELLOS EMPRENDEDORES

Na súa intervención, Francisco Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, avogou pola colaboración entre administracións e, á súa vez, co tecido produtivo para abrir novas oportunidades para a atracción de investimentos. Ao respecto, referiuse á contribución que fan os Concellos Emprendedores —como O Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras— á hora facilitar a implantación de novos proxectos empresariais que veñan diversificar e complementar o tecido produtivo galego.

Durante a súa participación no encontro empresarial, salientou a importancia de “estar preto das empresas; sobre todo —puntualizou—, das máis pequenas” e, nese contexto, destacou os bos datos de exportacións acadados na provincia de Ourense de xaneiro a novembro, con 1.333,2 millóns de euros, un 21,5% máis que no mesmo período de 2021. Lembrou que a comarca de Valdeorras é a capital do sector da lousa en Galicia, referente das exportacións ourensás, e onde se concentra o 90 por cento da produción, con 2.400 postos de traballo vinculados en toda a Comunidade.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid