Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ABERTO ATA O 28 DE FEBREIRO O PRAZO PARA PARTICIPAR NA SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA GALICIA AVANZA, QUE PROMOCIONA NO EXTERIOR A MARCA GALICIA EN I+D+I E EN TECNOLOXÍA

 

 

— Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, asegura que o talento que participa nesta iniciativa “é unha oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador da Comunidade”

— A Tecnópole de San Cibrao das Viñas acolleu a presentación de resultados da primeira convocatoria, na que participaron 30 empresas de sectores como o tecnolóxico, biotech, servizos, sanidade e automoción

— O 47% dos participantes tiveron como mercado de destino a UE, o 23% Latinoamérica, o 13% Asia, o 12% Estados Unidos e o 5% restante Gran Bretaña

— O Galicia Avanza da acceso a itinerarios de exportación, formación e asesoramento para que as empresas poidan expandirse en internacionalización, acceder a novos segmentos de clientes e atraer financiamento externo

— Conde salientou que o traballo desenvolvido polos participantes na primeira edición “é unha proba de como desde Galicia se está dando resposta aos retos do século XXI: a dixitalización, a economía verde e o coidado da saúde e benestar”

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en San Cibrao das Viñas na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza, onde destacou que o talento que participa nesta iniciativa é unha oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador da Comunidade. Tal e como explicou, Galicia Avanza -con sede na Tecnópole- naceu para que noutros países se vexa a Marca Galicia e o que se está facendo aquí no eido da I+D+i e a tecnoloxía.

Nesta primeira edición participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron como mercado de destino a Unión Europea (47%), Latinoamérica (23%), Asia (13%), Estados Unidos (12%) e Gran Bretaña (5%).

Conde destacou que o traballo desenvolvido por estas empresas “é unha proba de como desde Galicia se está dando resposta aos retos do século XXI: a dixitalización, a economía verde e o coidado da saúde e benestar”.

PRAZO ABERTO

O vicepresidente económico lembrou que segue aberto o prazo -ata o 28 de febreiro- para todos aqueles proxectos que queiran participar na segunda edición e acceder a itinerarios, formación e asesoramento co que as empresas poidan aumentar o seu peso no mercado internacional, acceder a novos segmentos de clientes e atraer financiamento externo para amplificar a súa marca e proxectos de innovación.

Francisco Conde rematou poñendo en valor o labor da Tecnópole e a oferta de servizos que pon a disposición do tecido empresarial, incidindo en que proximamente incorporará tamén o Centro de excelencia en ciberseguridade de Galicia ou a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial.

 

 

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia