— O sector exterior galego creceu un 18,3% en 2022, cunhas vendas que subiron en 4.600 millóns de euros en comparación coas do exercicio anterior
— Alfonso Rueda salienta ademais a balanza comercial positiva de máis de 2,800 millóns de euros, a terceira de España en valores absolutos, e en contraste co saldo negativo do conxunto do Estado
— Entre os incrementos das exportacións destacan os de sectores clave para Galicia, como o do téxtil (+21,1%), o da industria química (+47,3%), o do epígrafe das máquinas e aparellos mecánicos (+45,4%) ou o da metalurxia (+16,5%)
— O presidente da Xunta detalla ademais que para seguir impulsando o mellor ciclo exportador da historia de Galicia a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, dotada con 2,3 millóns, promoverá accións de internacionalización en 600 pemes e grandes empresas galegas
— Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Internacionalización da Xunta, que este ano destina máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resalta que Galicia logrou en 2022 un novo rexistro histórico en exportacións, achegándose por primeira vez aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). “Isto supón 4.600 millóns de euros máis e un 18,3% máis de vendas ao exterior que no 2021”, que tiña o mellor rexitro ata o de agora, indicou.
Rueda subliñou ademais que Galicia pechou o ano pasado “cunha balanza comercial positiva”, algo que “non ocorreu no conxunto de España”. Nesta liña, lembrou que Galicia finalizou 2022 cun saldo favorable de 2.802 millóns de euros -na comparativa entre as vendas ao exterior e as importacións-, alcanzando así a terceira mellor balanza en termos absolutos. Esta tendencia positiva non se produce no conxunto do Estado, onde o saldo comercial pechou en números vermellos (-68.112M€). As exportacións galegas supoñen o 7,7% do total de España.
Por sectores destacan os incrementos en industrias clave para Galicia como o sector téxtil, cun +21,1% en vendas ao exterior que en 2021; a industria química, cun +47,3%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +45,4%; ou a metalurxia, cun +16,5%.
Por países, rexistráronse importantes subas nas vendas a Países Baixos (+86%); Alemaña (+30,9%); Portugal (+27,4%); ou Bélxica (+25,7%). Fóra de Europa destaca a suba en EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%), contribuíndo así a impulsar a diversificación dos mercados. O número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano foi de 8.496, mentres que o número de exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, alcanzou as 2.653, un 3,5% máis que en 2021.
PLAN DE MISIÓNS COMERCIAIS
Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou o Plan de Misións Comerciais, ao que se destinarán 2,3 millóns de euros “co obxectivo de impulsar accións de internacionalización en pemes e grandes empresas galegas”, indicou Rueda, quen explicou que a previsión é promover “ata 200 iniciativas en 30 países”. Esta medida forma parte da Estratexia de Internacionalización da Xunta, que en total dedicará máis de 20 millóns de euros este ano a colaborar co tecido empresarial galego e tratar así de contribuír ao mantemento do mellor ciclo exportador da historia de Galicia.
O Plan de Misións Comerciais, que desenvolve a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, recolle dúas liñas. A primeira céntrase nas pequenas e medianas empresas e suma máis do 80 % do orzamento, mentres que a segunda está pensada para as grandes empresas, na procura de que estas poidan participar nas misións achegando a súa experiencia e volume como efecto tractor para a dinamización internacional do tecido empresarial.
O obxectivo é que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo o seu posicionamento nos mercados exteriores. Para acadar esta meta, destínanse case dous millóns a pequenas e medianas empresas, contía que se complementa con 360.000 euros para grandes compañías na procura de que contribúan á expansión internacional das de menor tamaño.
O programa, aprobado polo Consello da Xunta, prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a súa idoneidade para as empresas galegas.
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que chega ata o 70 % para as grandes empresas.
Desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.