-No marco de diálogo permanente co tecido empresarial galego, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou e mantivo un encontro con representantes de Nordés Club Empresarial
-Conde subliña as oportunidades que xurdiarán coa Cidade das TIC, que a Xunta apoia a través de iniciativas como o centro de fabricación avanzada ou o proxecto do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e coa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia)
-Afirma ademais que a comarca está chamada a ser un centro industrial de fabricación de plataformas de eólica mariña flotante, e a contribuír a que Galicia exerza como polo de referencia no despregamento desta enerxía renovable
-A Coruña tamén está a impulsar proxectos de hidróxeno verde e de amoníaco verde, así como iniciativas apoiadas en fondos europeos, entre eles o de Resonac, para que a antiga Showa Denko siga fortalecendo o tecido empresarial
-O club empresarial Nordés foi constituído a finais de 2019 e conta con máis de 200 empresas asociadas
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións de Nordés Club Empresarial para analizar a situación do tecido empresarial galego no marco do clima de diálogo constante que a Xunta está tendo coas diferentes asociacións, co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades de pemes e autónomos para poder dar unha mellor resposta desde a Administración.
Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, incidiu na necesidade da colaboración público-privada para o impulso da actividade económica e industrial, e lembrou que a Xunta está traballando na axenda industrial da Galicia do ano 2030, na que A Coruña está chamada a ter un peso importante. Así, segundo destacou o vicepresidente primeiro, a comarca ten sectores moi relevantes onde Galicia se está posicionando grazas ao seu dinamismo.
En primeiro lugar, referiuse ao sector tecnolóxico, coa Cidade das TIC, que a Xunta está apoiando a través de iniciativas como o centro de fabricación avanzada ou o proxecto do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Tamén resaltou a oportunidade de contar na cidade coa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).
PLATAFORMAS DE EÓLICA MARIÑA
Ademais, o responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego sinalou que se está traballando noutros sectores emerxentes e de enorme oportunidade para A Coruña, apuntando a diferentes proxectos cos que se está traballando coa Autoridade Portuaria, con iniciativas para establecer fábricas de ensamblaxe de plataformas de éolica mariña, e que permitirían que a comarca se poida erixir como un centro industrial de fabricación de plataformas de eólica mariña flotante.
Isto sumaríase ao desenvolvemento da plataforma experimental que a Xunta de Galicia, en colaboración coa Autoridade Portuaria e Red Eléctrica, están deseñando co obxectivo de que, a través dos proxectos industriais e dos proxectos de innovación, A Coruña e Galicia poidan ser un polo de referencia da eólica mariña.
Para iso, tal e como lembrou Conde, é preciso que o Goberno aprobe os Plans de Ordenación de Espazos Marítimos (POEM), así como a propia normativa de desenvolvemento da eólica mariña. O vicepresidente primeiro lembrou que A Coruña tamén está traballando con proxectos de hidróxeno verde e de amoníaco verde, e apuntou que se seguirá traballando en iniciativas vinculadas aos fondos europeos, como o de Resonac, para que a antiga Showa Denko poida seguir fortalecendo o tecido empresarial.
Francisco Conde destacou que o club empresarial Nordés está conformado por máis de 200 empresas, e apelou a seguir traballando conxuntamente para que A Coruña siga crecendo e sendo un referente desde o punto de vista industrial.