Busca en nuestra página

 

— Alfonso Rueda destacou na presentación en Madrid da sociedade público-privada Impulsa Galicia que “a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica” son os piares galegos para atraer investimentos e proxectos transformadores

— Impulsa Galicia está a promover iniciativas de vangarda e diferenciación, como a planta de fibras téxtiles de orixe vexetal capaz de concentrar o 3% da produción mundial, a factoría de hidróxeno verde con ata 14.400 toneladas de capacidade e o centro de datos con potencial para xestionar todo o tecido empresarial de Galicia

— O presidente da Xunta advirte que a captación de investimento que está a lograr a Comunidade atópase “en risco de non chegar a bo porto” se o Goberno central non axiliza as axudas europeas “facendo xa un reparto xusto, proporcionado e transparente dos Next Generation”

— Comparou que os fondos que xestiona o Goberno galego están mobilizados practicamente ao 100%, mentres que dos 41.000 millóns asignados aos Perte hai máis de 28.600 millóns -o 70% do total- sen convocar e outros 7.000 que aínda non teñen destinatario

— Como consecuencia da ineficacia na xestión e reparto dos fondos europeos, na actualidade só un dez cada dez euros destas axudas chegaron ao tecido produtivo

— Rueda pon como exemplo do bo momento e da confianza que inspira Galicia o éxito da emisión de 500 millóns de débeda pública que vén de culminar a Comunidade, cunha demanda que triplicou o importe emitido e que permitiu lograr condicións financeiras moi favorables en comparación con outras comunidades

— Na súa intervención, destacou que Galicia “conta con todos os ingredientes” para liderar o cambio económico e social e para facilitar a implantación de novas empresas xeradoras de emprego e riqueza

— Nun momento clave para identificar as oportunidades do actual escenario económico, dá a benvida ás iniciativas emprendedoras que aposten para implantarse no territorio galego e medrar da man da sociedade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica son os piares que fan de Galicia unha terra atractiva para o investimento. “Por Galicia paga a pena apostar”, proclamou o xefe do Executivo autonómico. Fíxoo durante a presentación da sociedade público-privada Impulsa Galicia en Madrid, encargada de identificar as oportunidades do escenario económico actual e poñelas ao servizo do progreso da nosa comunidade.

Como mostra da confianza que inspira Galicia, Alfonso Rueda anunciou que se vén de culminar con éxito a emisión de 500 millóns de euros de débeda pública. A demanda triplicou o importe que se ofrecía e permitiu lograr unhas condicións financeiras moi favorables en comparación con outras comunidades. O presidente destacou que a xustificación disto se atopa na xestión responsable: somos o territorio que menos incrementou o volume de débeda desde o inicio da crise económica, a única autonomía de réxime común que non foi rescatada e unha das comunidades autónomas con maior esforzo inversor de toda España.

A sociedade público-privada Impulsa Galicia, creada en abril de 2021, está a promover proxectos estratéxicos para o futuro económico e social de Galicia, como son a planta de fibras téxtiles sostibles de orixe vexetal que permitirá concentrar o 3 % da produción mundial destes materiais; unha factoría de hidróxeno verde que poderá producir ata 14.400 toneladas e un ambicioso centro de datos con capacidade para xestionar a práctica totalidade do ecosistema empresarial de Galicia.

BALEIRO NOS PERTE

Alfonso Rueda insistiu en que estes proxectos transformadores corren risco de non chegar a bo porto se o Goberno central non axiliza as axudas europeas que precisan facendo xa un reparto xusto, proporcionado e transparente dos Next Generation. Recordou que, no que respecta aos fondos que xestiona o Goberno galego, practicamente están mobilizados ao cen por cen, pero non así os que corresponden aos Perte. Dos 41.000 millóns asignados, hai máis de 28.600 que aínda non se convocaron e outros 7.000 que aínda non teñen un destinatario asignado. Polo tanto, apenas un de cada dez euros destas axudas chegaron ao tecido produtivo.

O presidente da Xunta asegurou que a Comunidade galega conta con todos os ingredientes para liderar ese cambio económico e social, grazas á seguridade xurídica, ás figuras para axilizar e facilitar a implantación de novas empresas e á creación de emprego e de riqueza. Galicia ten xa máis postos de traballo a tempo completo que antes da pandemia, bateu o récord histórico de exportacións con 30.000 millóns de euros e está apostando polo seu capital humano, moi especialmente a través da Formación Profesional.

Rueda fixo mención específica ao gran potencial enerxético de Galicia e exemplificouno coas plantas de hidróxeno verde que se están a proxectar para as zonas de transición de As Pontes e Meirama, a interconexión coa rede de gasodutos que acadou un fito a pasada semana coa alianza entre Reganosa e Enagás e a aposta por un desenvolvemento racional da enerxía eólica.

PROXECTOS TRANSFORMADORES

O mandatario galego confrontou o modelo da Xunta co de outras Administracións que cuestionan ao empresariado. Fronte a esa política, quixo dar a benvida a todas as iniciativas emprendedoras que aposten por Galicia para implantarse no seu territorio e medrar da man da súa sociedade, xa que advertiu que un país non prospera sen empresarios.

Neste senso, salientou as políticas ambiciosas da Xunta de solo empresarial e de darlle prioridade aos proxectos estratéxicos, ademais de reivindicar infraestruturas claves para o progreso económico como o Corredor Atlántico Noroeste.

Rueda concluíu poñendo en valor as liñas de traballo do Goberno galego na aposta polo i+D+i, na captación de inversións produtivas e -a través da sociedade Impulsa- no pulo a proxectos con vocación transformadora co obxecto de situar no centro do mundo conectado a Galicia, da que defendeu as súas incalculables oportunidades.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid