PATROCINADOR DE LA SEMANA

 

Busca en nuestra página

— A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 200.000 euros ao novo convenio con Asime, co obxectivo de promocionar as iniciativas innovadoras galegas neste escaparate sectorial ao que acuden investidores estranxeiros

— Fernando Guldrís, director do Igape, salienta que o acordo de colaboración reforza a aposta do Goberno galego pola innovación, a sustentabilidade e o talento

— O convenio inclúe ademais a celebración dunha rolda de reunións con investidores internacionais para impulsar o financiamento das iniciativas emprendedoras da Comunidade, así como misións comerciais inversas con economías de América do Sur, África e Europa, e con Corea do Sur, país invitado nesta edición de Mindtech, na que contará cunha delegación propia

— Na cita de xuño habilitaranse dous espazos expositivos, o Mindtech Startup Arena, con capacidade para 42 stands e aberto á promoción de empresas galegas, e o pavillón da Xunta, para dar a coñecer as iniciativas da Administración galega

— Fernando Guldrís remarca neste contexto a contribución e resultados da Axenda Startups Galicia 2022-2024, que neste período suma preto de 15 millóns e aspira a crear un centenar de novas empresas e a acelerar 200 startups

O director do Igape, Fernando Guldrís, e o presidente de Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Justo Sierra, participaron nun encontro de traballo en relación coa Feira Internacional Mindtech, que permitiu avaliar o novo acordo de colaboración entre a Asociación e o Goberno galego para impulsar a presenza das startups da Comunidade neste evento que se celebrará en Vigo do 20 ao 22 de xuño.

Este convenio, explicou Guldrís, reforza a aposta pola innovación e a sustentabilidade do Goberno galego, permitindo habilitar espazos de traballo e expositivos na feira internacional da industria Mindtech para facilitar que as iniciativas innovadoras galegas se poidan dar a coñecer a nivel internacional.

A Xunta destina a este acordo 200.000 euros e o seu obxectivo último é seguir traballando de xeito conxunto no impulso da innovación, a sustentablidade, a transformación tecnolóxica e a mellora competitiva do tecido produtivo galego, facilitando a achega de investimentos internacionais privados e a promoción das vendas no exterior das startups galegas con posibilidades significativas de crecemento. Neste marco, habilitaranse dous espazos expositivos en Mindtech: o Mindtech Startup Arena, con capacidade para 42 stands e que permitirá promocionar startups galegas e captar iniciativas de interese; e outro que acollerá o pavillón da Xunta para dar a coñecer as iniciativas que está a promover o Goberno galego.

Neste sentido, o director do Igape lembrou que a Xunta ten en marcha a Axenda Startups Galicia 2022-2024, que se configura como un “motor de reforzo da modernización e diversificación da economía galega”. A Axenda, resaltou, suma neste período preto de 15 millóns aspirando a crear un centenar de novas empresas e a acelerar 200 startups, promovendo así a innovación con capacidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.

ROLDA CON INVESTIDORES

Así mesmo, o convenio da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e Asime inclúe tamén a celebración dunha rolda de reunións entre investidores internacionais e as iniciativas participantes, ademais de contemplar a participación en formato dixital nos eventos que teñan lugar no foro.

Neste contexto, explicou Guldrís, desenvolveranse distintas misións comerciais inversas con diferentes países de América do Sur, África e Europa, ademais de con Corea do Sur, país que como invitado nesta edición contará cunha delegación propia.

“Mindtech é unha aposta pola tecnoloxía, a innovación, a sustentabilidade e o talento, ademais dunha oportunidade de cara a futuro para amosar os nosos avances en proxectos tecnolóxicos e de innovación”, subliñou o director do Igape, quen asegurou que Galicia está sabendo anticiparse á transformación dixital.

A feira internacional da industria Mindtech naceu en 2019 coa vocación de ser un referente internacional e a intención de atraer empresas e investidores estranxeiros. Impulsada por Asime, ten como principal obxectivo ser un escaparate da potencialidade da industria galega, especialmente do sector do metal, e unha oportunidade económica e comercial.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid