Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A Xunta considera indispensable para o sector da coxeración un novo marco regulatorio que garanta o futuro das plantas e que permita investimentos

• O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Asociación Española de Coxeración (Acogen), que integra 150 asociados de sectores industriais como o da pasta de celulosa, agroalimentación ou materiais de construción

• Aínda que en setembro de 2022 o Goberno central incluíu a coxeración no sistema de compensación do mecanismo ibérico, tal e como se reclamaba desde Galicia, as plantas pecharon 2022 cunha caída de produción do 52%

• No que vai de ano, máis da terceira parte das centrais de coxeración seguen facendo paradas de actividade, en plena incerteza regulatoria

• Moitas delas están preto do final da súa vida útil e aínda descoñecen se o Goberno central decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo

• Entre as demandas de Acogen destaca a modificación do prazo de pagamento das retribucións reguladas e a supresión das horas mínimas de operación das plantas e das barreiras á hibridación con fotovoltaicas e eólicas en industrias con infraestruturas de coxeración

• A Xunta, que apoia as reivindicacións do sector, ve necesario tamén que o Goberno central convoque as poxas para a adxudicación dos 1.200 MW de coxeracións que aínda están pendentes

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou o apoio da Xunta de Galicia ao sector da coxeración, que reclama ao Goberno central un novo marco regulatorio que garanta o seu futuro.

Conde mantivo unha xuntanza con representantes da Asociación Española de Coxeración (Acogen), que integra 150 asociados, e entre os que destaca a industria fabricante de pasta, papel e cartón; a de alimentación e bebidas; e os fabricantes de azulexos e pavimentos cerámicos.

Tal e como expuxeron na xuntanza, un dos principais problemas que vive este sector é o da incerteza regulatoria, posto que moitas plantas están preto do final da súa vida útil e aínda non saben se o Goberno central decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo.

A pesar de que en setembro de 2022 o Executivo central incluíu a coxeración no sistema de compensación do mecanismo ibérico —tal e como se reclamaba desde Galicia—, o sector pechou o ano cunha redución do 52 por cento sobre a produción de 2021 porque, ao caer o prezo do gas, a medida practicamente non tivo efecto. No que vai de ano, entre un 30 e un 40% das plantas seguen facendo paradas de actividade.

RETORNO DAS POXAS

O sector reclama un novo marco para operar no cal, entre outras cousas, se modifique o prazo de pagamento das retribucións reguladas, se eliminen as horas mínimas de operación das plantas e as barreiras á hibridación con fotovoltaicas e eólicas en industrias que teñen coxeración. De feito, unha das tendencias actualmente é a transición á coxeración renovable a través da substitución do gas por outros gases renovables como o biometano ou o hidróxeno.

Para iso, outra das demandas do sector —do que en Galicia existen 63 instalacións cunha potencia de 501MW— é un marco para investir, para o que é necesario que o Goberno convoque as poxas para adxudicar os 1.200 MW de coxeración que aínda están pendentes.

A Xunta de Galicia súmase a estas reivindicacións porque considera indispensable para o futuro do sector que poida dispoñer dun marco favorable para as plantas existentes e para novos investimentos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia