Busca en nuestra página

― A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou na sinatura do convenio entre o proxecto Julio Verne do Porto de Vigo e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).

― Prevense actividades conxuntas en I+D+i, en formación e na posta en valor do hidróxeno renovable como vector enerxético.

― A comunidade galega posiciónase estratexicamente para desenvolver todos os segmentos da cadea de valor: produción, almacenamento, transporte e distribución.

― María Jesús Lorenzana lembrou e salientou proxectos en marcha como a factoría de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables nas Pontes e a de Meirama promovida pola propia Reganosa e por Naturgy e Repsol.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou en Vigo que a aposta polo hidróxeno renovable en Galicia é unha realidade grazas ao impulso que se lle está a dar tanto desde o sector público como a través da iniciativa privada. Lorenzana asistiu á sinatura do convenio entre o proxecto Julio Verne do Porto de Vigo e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), que se suma a esta iniciativa co obxectivo de colaborar en iniciativas relacionadas coa produción e dispensado de hidróxeno verde e os seus derivados. Prevese realizar actividades conxuntas en eidos como a I+D+i, a formación e a posta en valor do hidróxeno como vector enerxético.

Estas posibilidades son as que desde a Xunta de Galicia, e en colaboración coa industria, se están a explorar a través da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, que ten como misión impulsar a colaboración público-privada para chegar a desenvolver na Comunidade todos os segmentos da cadea de valor: produción, almacenamento, transporte e distribución de hidróxeno verde.

POLOS NAS PONTES E MEIRAMA

Neste eido, tal e como lembrou María Jesús Lorenzana, estanse a desenvolver importantes proxectos como a factoría de hidróxeno verde nas Pontes de Reganosa e EDP Renovables e a de Meirama, promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol.

Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación destacou tamén o propio proxecto Julio Verne da Autoridade Portuaria de Vigo, unha iniciativa para a xeración e dispensado de hidróxeno verde para a súa aplicación en operacións loxísticas do porto, consumo industrial, mobilidade terrestre e marítima e para conseguir un porto de emisións cero, porque pode chegar a evitar a emisión de máis de 2.800 TM de CO2 ao ano.

Lorenzana fixo fincapé na aposta polo binomio enerxía renovable e industria como o camiño para conseguir incrementar a competitividade, salientando que neste eido o Goberno galego vai continuar colaborando e tendendo a man, no marco da Axenda Enerxética de Galicia 2030.

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid