― A conselleira de Economía, Industria e Innovación pon de relevo o papel que vai desenvolver o IGAPE no obxectivo de imprimir celeridade na tramitación administrativa das empresas
― Nun almorzo-coloquio organizado polo Nordés Club Empresarial adiantou que a Xunta vai elaborar un mapa industrial de Galicia a partir de plans directores por sectores para identificar sinerxías entre eles
― María Jesús Lorenzana precisou que a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia busca trasladar aos territorios as ganancias xeradas polas renovables
― Lembrou como obxectivo da Axenda Enerxética de Galicia duplicar a produción eólica e solar ata 2030 e destacou a oportunidade que representan a eólica mariña e o hidróxeno verde “para avanzar no plano loxístico e industrial”
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta de Galicia terá como máxima prioridade a redución da burocracia e a celeridade na tramitación administrativa para dinamizar a actividade empresarial e captar novos proxectos industriais. “Galicia ten que ser a opción fronte a outras comunidades e países”, enfatizou.
Durante a súa intervención nun almorzo-coloquio organizado polo Nordés Club Empresarial, Lorenzana referiuse á política de apoio que a Administración autonómica quere dar ao tecido empresarial e que pasa por solventar as dificultades que se atopan as empresas cos tempos de tramitación e as múltiples xanelas ás que se teñen que dirixir. Segundo adiantou, isto vai supoñer repotenciar o papel do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
No que respecta á política industrial, a conselleira adiantou que a Xunta vai elaborar un mapa industrial de Galicia a partir de plans directores por sectores que se van realizar para avaliar a situación actual e identificar sinerxías entre eles. Neste contexto, recoñeceu que “a enerxía vai ser un factor determinante para a competitividade da industria e un claro vector de crecemento e de innovación” e que “se pode desenvolver este sector en absoluta compatibilidade co territorio”.
María Jesús Lorenzana mencionou ao respecto que un dos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia é duplicar a produción eólica e solar de cara ao 2030 para seguir sendo unha das comunidades que máis enerxía renovable xera de España. Pero tamén fixo fincapé na oportunidade que representan a eólica mariña e o hidróxeno verde para avanzar no plano loxístico e industrial, e citou algúns dos principais proxectos que Galicia está tramitando neste eido: as factorías de hidróxeno nas Pontes de Reganosa e EDP Renovables; a que promoven en Meirama (Cerceda) Reganosa, Naturgy e Repsol, que tamén prevén implantar aí unha planta de biofertilizantes; o proxecto de Forestal del Atlántico en Mugardos para producir metanol ou a proposta de Resonac na Coruña no ámbito da mobilidade sustentable.
NOVA SOCIEDADE MIXTA
A titular de Economía, Industria e Innovación referiuse, tamén, á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que busca, dixo, regular como se van trasladar aos territorios estes beneficios que xeran os proxectos de renovables, ademais de que se contempla a creación dunha sociedade mixta para dar impulso a estas iniciativas.
A conselleira concluíu reclamando a colaboración do Goberno central para ampliar a capacidade e potencia das infraestruturas de planificación enerxética que van abastecer os futuros proxectos industriais que se van desenvolver en Galicia. E, do mesmo xeito, con respecto aos fondos Next Generation, remarcou a urxencia por “que cheguen para cubrir as necesidades que teñen as empresas e acomodalos aos proxectos que se están presentando” e censurou a falta de diálogo do Goberno co tecido produtivo.